O voto exterior dá ao PP o escano 42 ao arrebatar un ao PSdeG en Pontevedra

A provincia de Pontevedra está á espera de que se resolvan recursos

O escrutinio do voto exterior, que as xuntas electorais realizaron este luns, amplía a maioría absoluta obtida polo PP nas eleccións autonómicas ata os 42 escanos, ao perder un en Pontevedra o PSdeG. 

Así o ratificaron fontes consultadas por Europa Press, que indican que no reconto do voto exterior o PPdeG obtivo na provincia un total de 746 sufraxios do exterior, o BNG, 414 e o PSdeG, 340. 

Na noite do 12-X, ese último escano en xogo en Pontevedra cambiou varias veces de mans e quedou con el finalmente o PSDEG por unha pequena marxe, pendente en todo caso do voto exterior. 

A provincia de Pontevedra está aínda pendente de que se resolvan recursos de última hora. Por exemplo, segundo fontes populares e socialistas consultadas por Europa Press, o PSOE pediu este mesmo luns a revisión dos votos nulos da provincia (uns 7.000). Tamén noutras provincias están a resolverse reclamacións pendentes. 

Se se confirma o resultado, o PP de Pontevedra, que dirixe Alfonso Rueda, revalidaría o número de actas de hai catro anos —ao pasar de dez a once—, mentres que o PSOE pontevedrés quedaría con cinco deputados no pazo do Hórreo. Na Cámara sentaría xa o primeiro día o responsable de Organización do PPdeG, Alberto Pazos, e quedaría fóra Noelia Otero, xornalista que o PSdeG fichou para dirixir o seu Laboratorio de Ideas e que concorreu no número seis da lista por esta provincia. 

Os 11 deputados por Pontevedra darían a Feijóo a súa maioría absoluta máis ampla, con 42 escanos, desde que chegou á Xunta en 2009. De feito, á espera de que o resultado sexa definitivo, os populares xa o felicitaron en Twitter, do mesmo xeito que a Rueda. O seu antecesor, Manuel Fraga, a quen o dos Peares igualou con catro maiorías absolutas consecutivas, tocou teito nas eleccións de 1993, con 43 actas na Cámara galega.

De confirmarse os novos resultados, a repartición da nova lexislatura do Parlamento de Galicia quedaría con 42 deputados para o PPdeG, 19 para o BNG, e 14 para o PSdeG.

O PP tamén se impón no reconto das outras tres provincias
O PP tamén se sitúa como a formación máis votada entre os electores do exterior censados na provincia da Coruña, con 799 votos. Mentres que o BNG tamén dá o sorpasso ao PSdeG e obtén 428 apoios, por enriba dos 353 que rexistran os socialistas. Pola súa banda, Galicia en Común-Anova Mareas faise con 202 votos, Vox con 107 e Ciudadanos con 34. 

En Lugo, os populares obteñen 141 votos, por enriba da segunda forza, o Partido Socialista, que se fai con 92 sufraxios. Por detrás sitúase o BNG, con 83; Galicia en Común, con 37; Vox, con 25: e Ciudadanos, con 9. 

En Ourense, repítese a tendencia da provincia de Lugo, co PP como primeira forza, con 502 votos, e o PSdeG como segunda, con 197 apoios. Ademais, o Bloque rexistra 139; Vox 66; Galicia en Común, 50; e Ciudadanos 31. 

Un voto marcado polas dificultades en tempo de pandemia 

Nestes comicios, o voto na diáspora estivo marcado polas dificultades engadidas derivadas da pandemia do coronavirus. De feito, o punto de partida foron as 12.359 solicitudes do Censo de Residentes Ausentes (Cera), unha cifra que é practicamente a metade que na cita autonómica de 2016 e que é a máis baixa de todo este século. Pero, ademais, houbo dificultades á hora de exercer o voto. Segundo as cifras facilitadas polas Embaixadas e Consulados ao Ministerio de Asuntos Exteriores, só o 44,74% chegaron a depositar o voto.

Correos recoñeceu que emigrantes en Cuba e Venezuela non puideron votar por correo por problemas na repartición da documentación nestes países. Molesta con esta situación, a Xunta pediu que se ampliase o prazo para a recepción do voto emigrante e que se atrasase o escrutinio. A xunta electoral accedeu á primeira premisa e ampliou o prazo de recepción ata o pasado domingo, pero o escrutinio materializouse este luns conforme marca a lei.

Comentarios