Volve a calor e o tempo seco a Galicia, que superará os 30 graos

Para a fin de semana espérase tempo estable e temperaturas altas para a época
Un turista se refresca en una fuente. EFE
photo_camera Un turista se refresca en una fuente. EFE

A influencia do anticiclón fortalecerase na xornada deste xoves sobre Galicia, segundo o prognóstico da Meteogalicia. Espéranse ceos pouco nubrados con algún intervalo de nubes altas e nubes baixas no norte de Lugo nas primeiras e últimas horas do día. Haberá bancos de néboa matinais no interior.

As temperaturas ascenderán entre lixeira e moderadamente, de modo que na capital lucense os termómetros oscilarán este xoves entre os oito graos de mínima e os 22 de máxima, pero se roldarán os trinta graos en Pontevedra, Ourense e Vigo. Os ventos soprarán moderados do norte e nordeste, con intervalos fortes entre Ortegal e Fisterra.

A borrasca que a principios de semana trouxo unha baixada importante das temperaturas e choiva a moitos lugares da Península márchase este xoves e regresa a calor e o ambiente seco, con máis de 32 graos de máxima prevista nalgúns puntos de Galicia, así como no sur, centro, leste e Baleares.

Meteogalicia. DP
Meteogalicia. DP

En pouco máis de catro días moitos lugares da Península pasaron de rexistrar marcas de temperaturas máximas e mínimas en maio a ter un ambiente máis fresco, acompañado incluso de choivas e chuvascos torrenciais, como os 60 litros por metro cadrado que se recolleron en Cataluña ou en Palma de Mallorca esta semana. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a causa é unha borrasca que ao longo deste xoves irase afastando levándose as precipitacións.

As temperaturas diúrnas iniciaron este mércores un ascenso polo noroeste, onde os termómetros marcaron entre 6 e 8 graos máis que o martes. A tendencia é que seguirán subindo e así se poderían superar os 35 graos nos vales do Guadiana e Guadalquivir; en cidades como Badaxoz, Sevilla, Ourense, Pontevedra ou Murcia roldarán os 32 graos e en Zaragoza, Valencia ou Madrid os 30, mentres no norte Oviedo ou Vitoria quedarán nuns 20 graos de máxima.

FIN DE SEMANA. Para o fin de semana espérase tempo estable en xeral e temperaturas altas para a época. O sábado predominarán os ceos pouco nubrados salvo no Cantábrico, onde podería chover debilmente, con algunha tormenta illada en zonas de montaña.

Para a próxima semana espérase unha borrasca que podería dar lugar a precipitacións en Galicia, Asturias e Noroeste de Castela e León, ambiente seco en xeral no resto do país e temperaturas máis baixas o luns, pero en aumento a partir do martes.

Comentarios