As vítimas do Alvia acusan a PP e PSOE de "silencialas" na comisión

O luns comparecerán de últimos os exministros Blanco e Pastor, o que os afectados ven unha decisión "antidemocrática e nada transparente"

As vítimas do Alvia, durante a manifestación no quinto aniversario do accidente. PEPE FERRÍN
photo_camera As vítimas do Alvia, durante a manifestación no quinto aniversario do accidente. PEPE FERRÍN

As vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois en xullo de 2013, onde se rexistraron 80 mortos e 144 feridos, acusan a PP e PSOE de "silencialas" na comisión de investigación do Congreso, á que pretendían volver para comparecer en último lugar, de modo que puidesen replicar ás intervencións dos responsables técnicos e políticos implicados no sinistro. "Convócannos a porta pechada", critica a plataforma que engloba á gran maioría de afectados. Nunha nota de prensa, a asociación subliña que "desde o principio" solicitaron aos grupos parlamentarios que se incluíse a súa intervención en último lugar. 

Pola contra, o vindeiro luns 11 produciranse as últimas comparecencias, as dos exministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor, ao que seguirá unha invitación en seguintes días para que os afectados participen nunha reunión a porta pechada cos portavoces da comisión. A asociación de vítimas asegura que contaban co apoio de todos os grupos para ter a última palabra, en aberto, a excepción do PP, "que se negaba en rotundo e do PSOE que deixaba a porta aberta".

"CONFIABAMOS EN CANCELA E ELORZA". En xuño do ano pasado puxéronse en contacto cos deputados do PSOE Pilar Cancela e Odón Elorza "solicitando o seu apoio" para "este pequeno xesto", lembran. "Confiabamos no Partido Socialista, e en concreto na galega Pilar Cancela, que en sede parlamentaria, cando se aprobou a creación da comisión, pronunciou as seguintes palabras 'Sentimos o atraso, pero camiñaremos xuntos", incide a plataforma de vítimas. "Esas mesmas palabras, con ollos húmidos pola emoción, díxonos nunha reunión en privado ás vítimas e familiares", engade o comunicado. 

Tamén, apuntan as vítimas, confiaban en Odón Elorza, secretario de área de Transparencia e Democracia Participativa, e que lles apoiou "desde o principio". "Á parte de ser antidemocrático e nada transparente, parécenos un escándalo e unha afronta máis ás vítimas e familiares. Négannos ás vítimas a última palabra con luz e taquígrafos para que non podamos ser escoitados, para que a cidadanía non poida ouvir as nosas réplicas aos diferentes comparecentes, e para que o que digamos non quede reflectido negro sobre branco no diario de sesións do Congreso dos Deputados, a casa de todos", censuran. 

Para os afectados pola traxedia do Alvia, trátase de "unha treta máis do deputado galego do PP Celso Delgado e do PSOE, que xa vetaron no seu día a proxección do documental Frankenstein04155

Tamén censuran "que permitiron, nun feito inaudito nunha comisión de investigación parlamentaria, que o investigador do accidente do Alvia, o señor Rallo, a pesar de non estar na orde do día nin estar presentes todos os portavoces da mesa, volvese comparecer a última hora da tarde para rectificar o que dixera pola mañá". Vicente Rallo responsabilizou nun primeiro momento á exministra Ana Pastor da decisión de que non se reabrise a investigación oficial sobre o accidente, pero logo se desdijo, e para iso volveu comparecer ante a comisión. 

A plataforma denuncia que "tratan de secuestrar" a súa palabra, ante o que remiten ás palabras de Martin Luther King: "As nosas vidas empezan a terminar o día en que gardamos silencio acerca das cousas que importan", parafrasean. 

Por último, subliñan que lles "segue importando depurar as responsabilidades do accidente". "E, como non temos medo e non nos debemos a ninguén, non nos imos a calar. Nunca", conclúen. 

Comentarios