Villares tacha de "cortina de fume" o discurso de Feijóo

Considera que o presidente mencionou só anecdóticamente problemas "capitais" como a violencia machista, a loita contra o cambio climático ou a precariedade laboral
Luís Villares. LAVANDEIRA JR. (Efe)
photo_camera Luís Villares. LAVANDEIRA JR. (Efe)

O portavoz parlamentario do grupo mixto e líder de En Marea, Luís Villares considerou este mércores que o discurso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo foi "unha cortina de fume", consecuencia de "querer evitar falar dos problemas de Galicia".

Segundo Villares, o discurso de Feijóo no debate sobre o estado da autonomía ante o Parlamento de Galicia buscaba "tapar e non ter nada que explicar do balance tanto da lexislatura como do último ano".

Tamén considerou que constitúe un "exercicio de escapismo" exercer un papel de "victimización", "coma se Galicia non tivese o seu autogoberno e coma se todos os males de Galicia viñesen de Madrid".

Ademais, engadiu que o presidente da Xunta fixo unha "banalización" e unha "mención anecdótica" a problemas que o seu grupo considera "capitais" como a violencia machista, a loita contra o cambio climático ou a precariedade laboral e social.

"Está a negarse a evidencia de que estamos ante unha nova recesión e cando se nega evidencia non se poden tomar medidas", expresou Villares.

Na súa opinión, é necesaria unha xustiza fiscal "na que as persoas que máis teñen poidan contribuír equitativamente ao sostemento dos gastos públicos e dos investimentos".

Villares concluíu que "o balance é cero, un cero en aumento de autonomía, un cero en aumento de benestar e un cero en aumento de servizos públicos e calidade de vida".

Comentarios