Villares reparte "o mellor produto galego" na Praza de Abastos de Santiago

"Nós tamén imos coa marea, igual ca ti", chanceou o candidato á Xunta cunha peixeira
Villares, en la plaza de abastos compostelana
photo_camera Villares, en la plaza de abastos compostelana

O candidato de En Marea á Presidencia da Xunta, Luís Villares, fixo gala do "mellor produto galego" na Praza de Abastos de Santiago de Compostela, ata onde se achegou para repartir propaganda electoral en vésperas do peche de campaña.

Villares cumpriu na mañá deste xoves cun clásico da campaña galega, o tradicional paseo pola compostelá Praza de Abastos. Fíxoo antes de participar na Praza do Toural nun coloquio co número tres de Podemos, a santiaguesa Carolina Bescansa.

"Hai que alimentarse ben, que fai falta para levar o país", díxolle unha veciña de Santiago á cabeza de cartel do partido instrumental mentres este repartía "produto do país" entre comerciantes e clientes do mercado compostelán.

Villares confesou ante esta veciña que, no que vai de campaña, perdeu xa nove quilos. "Para meterse en política hai que estar en forma", chanceou o maxistrado en excendencia que, deste xeito, xustificou que as súas chaquetas lle queden grandes.

"Somos o que comemos", indicou Villares a un tendeiro, nun paseo distendido no que tamén se atopou con votantes doutras forzas. "Bloque, Bloque, eu son do Bloque", espetoulle outra señora cando o de En Marea achegouse a ela para entregarlle un folleto do partido instrumental.

"DE BOBO NON TEN NADA". "Falaches 'de carallo' non debate. Saliches moi ben e dixeches moitas verdades. Este home de bobo non ten nada", exclamou unha das comerciantes que se mostrou moi cariñosa cun Villares ao que pediu que "mire polo rural".

Ante as peixeiras, Villares presumiu do "bo produto" que tamén ten En Marea. "Nós tamén imos coa marea, igual ca ti", chanceou coa tendeira.

Comentarios