Villares a Podemos: "Queremos que persoas, non partidos, marquen a liña política de En Marea"

Asegurou en Lugo que o proceso de primarias que está a piques de abrirse na formación é "moi ilusionante", porque "hai unha confrontación de modelos"

Cristina Pérez Herráez, Paula Vázquez Verao, Luís Villares y Víctor Álvarez en la sede de Lugonovo. EP
photo_camera Cristina Pérez Herráez, Paula Vázquez, Luís Villares e Víctor Álvarez na sede de Lugonovo. EP

O portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, asegurou este luns que o proceso de primarias que está a piques de abrirse na formación é "moi ilusionante", porque "é certo que hai unha confrontación de modelos" e a súa candidatura defende que sexan "as persoas" e "non os partidos", como Podemos, "os que marquen a liña política" do espazo de confluencia.

Villares fixo estas declaracións en Lugo, onde viaxou para presentar as emendas por valor de 11 millóns de euros aos orzamentos da Xunta de Galicia que defenderá o seu grupo para esta provincia. "Desde esta candidatura estamos convencidas de que a pulsión maioritaria é que todas as persoas teñen que ser protagonistas do rumbo político de En Marea", asegurou sobre o proceso interno da súa formación.

Ao seu xuízo, trátase de que "todas, a título individual, poidan participar niso", de modo que "non sexan as directrices das direccións" dos partidos políticos "as que constrúan o proxecto desde fóra". "Creo que esa é a principal confrontación de modelos", engadiu Villares, porque precisamente o secretario xeral de Podemos Galicia reclamaba un papel "especial" para a formación que lidera, cando a súa candidatura mantén que "os que teñen que ter a centralidade" son "as persoas e non un partido".

"Sería bo que o secretario xeral de Podemos o tivese en conta", engadiu, e "por iso é tan importante vir aos plenarios, algo que non fixo, porque é onde se constrúen os discursos políticos". "Reivindicamos que sexan as persoas e non os partidos os que marquen as liñas políticas de En Marea", reiterou.

Comentarios