Vigo, á cabeza da ofensiva contra o canon de Sogama

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, advertiu a Xunta de Galicia que recorrerá a decisión tomada sobre a subida do canon de Sogama e a súa repercusión nos cidadáns posto que é "un prezo privado e non se pode modificar por lei".

O rexedor, en declaracións aos medios, denunciou que o Executivo galego "vulnera as leis" cambiando un prezo privado procedente de contratos bilaterais entre os concellos e a empresa de recollida de lixos que obtiña un 25% dos seus beneficios da xeración eléctrica. É por isto que considerou a "treta falsa a de regular un prezo privado por lei" como unha mostra da "desesperación" da Xunta tras cometer "unha neglixencia" con respecto ao Plan Enerxético de España.

O primeiro edil recordou que este aumento no prezo da taxa de lixos, en Vigo por un importe de 2,5 millóns de euros, é un "disparate enerxético" que "Xunta e Goberno central" deben abonar e non repercutir nos cidadáns. Ademais, animou ao resto de concellos  galegos adheridos a Sogama a seguir os pasos do consistorio vigués posto que, asegurou, "perderá a Xunta" ante os tribunais.

Caballero criticou tamén as declaracións do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, por ameazar "a alcaldes que abandonen Sogama dicindo que deben cumprir as normas europeas". Sobre isto, comentou que as ameazas son un acto "típico da Xunta" e que desde o concello vigués cumprirase coas normas europeas posto que o que se reclama é que non se penalice aos cidadáns por erros do Goberno".

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, dixo este domingo aos alcaldes que ameazan con retirar a Sogama o tratamento de residuos nos seus concellos que poden desertar desta empresa pública pero non do cumprimento estrito da normativa europea. "Eles saberán, falamos dun sistema que permite solucionar un problema municipal, e se abandonan Sogama terán que decidir onde levan os residuos e terán que cumprir os requisitos da normativa europea", remarcou nunha entrevista emitida pola Cadena Ser en Galicia.

O responsable autonómico opinou nestes termos do escenario creado tras o anuncio de que sobe o canon que pagan os municipios en 2014 e avanzou que levará a cabo unha "reformulación" do servizo de recollida de lixos para que prime a reciclaxe fronte á incineración.

Localidades como a coruñesa de Rianxo adiantaron que deixarán este sistema e o Concello de Ourense sopesa impugnar o aumento da taxa. Este incremento na tarifa que se cobra aos 296 municipios adheridos a Sogama, e que tras a súa comunicación creou unha forte oposición entre os diferentes alcaldes, obedece, segundo expuxo sempre o Goberno galego, a un criterio de ''necesidade", non de oportunidade, e tamén á obrigación de ser viable.

Os ingresos da empresa pública proceden da tarifa que se cobra aos municipios e da enerxía que se xera pola incineración, pero o novo marco legal para o sector eléctrico do Executivo de Mariano Rajoy apunta a unha diminución en 13 millóns dos ingresos anuais por este concepto e neste contexto situouse desde o inicio a medida a adoptar.

Comentarios