miércoles. 15.07.2020 |
El tiempo
miércoles. 15.07.2020
El tiempo

As vítimas do falso médico ferrolán piden o seu ingreso inmediato en prisión tras o fallo do Supremo

O falso médico ferrolán José Manuel López Pérez, alias Coté. DOMENECH CASTELLÓ (EFE)
O falso médico ferrolán José Manuel López Pérez, alias Coté. DOMENECH CASTELLÓ (EFE)
Os afectados consideran que hai un "risco claro de fuga" â??Viveiro é un dos lugares onde actuou o condenado

A Asociación de Afectados de Intrusismo Médico-Sanitario (AIMS) pediron o ingreso en prisión inmediato e a retirada do pasaporte para o falso médico ferrolán José Manuel López Pérez, coñecido como Coté, quen acaba de ser condenado a catro anos e medio de prisión polo Tribunal Supremo por intrusismo e estafa a unha vintena de pacientes nun centro en Vinaròs (Castelló).

En declaracións a Europa Press, a presidenta desta asociación de vítimas, Esther Fontán, explicou que os avogados solicitaron estas medidas cautelarísimas ante o "risco claro de fuga", de modo que así comece de forma inmediata o cumprimento da sentenza.

O falso galeno ten pendente un xuízo na Coruña pola súa actuación en clínicas de Ferrol e Viveiro

Ademais do fallo do Supremo, está pendente de que comece o xuízo na Audiencia Provincial da Coruña –suspendido xa en dúas ocasións, a última en abril pola incidencia da pandemia da covid-19– polos feitos das súas clínicas de Ferrol e Viveiro, polos que Fiscalía chega a solicitar máis de 300 anos de prisión.

Sobre a sentenza xa ditada, Fontán celebra que dea "carpetazo" ao ocorrido en Vinaròs, polo que se di "satisfeita" a pesar de que lle gustaría que a condena fose maior: "Que vaia ingresar no cárcere xa é motivo de satisfacción". En concreto, o Supremo elevou a catro anos e medio a pena de cárcere fronte aos dous anos e nove meses que lle impuña a Audiencia de Castelló.

Fontán destaca que grazas a este fallo os afectados de Vinaròs "poden pasar páxina", ao que engade que a causa da Audiencia coruñesa, suspendida xa dúas veces, pode recibir "un empujoncito". Neste sentido, a presidenta dos afectados reclama "unha lombeirada" para fixar a data do xuízo. "Dános o mesmo que sexa telemático ou presencial", apostila.

E é que, segundo lamentou, os que teñen xa "unha condena de doce anos e catro meses" á espera de xuízo –desde a súa detención en Ferrol– son precisamente "as vítimas" e todos os que "xa non están", en referencia tanto aos que morreron polo tempo transcorrido como á persoa que faleceu supostamente por unha neglixencia do propio Coté.

SENTENCIA DO SUPREMO. A sentenza da Sala II do Tribunal Supremo condena a catro anos e seis meses de prisión por delitos de intrusismo e estafa a José Manuel López Pérez, alias Coté, e a outro home que, sen a titulación requirida para exercer como médicos, enganaron a unha vintena de pacientes nun centro en Vinaròs.

Alí, ambos se presentaban como médicos, examinaban aos enfermos, diagnosticaban enfermidades de todo tipo e prescribían tratamentos diversos, incluído nalgún caso tratamentos con células nai, transplantes e cirurxías non menores.

Coté exerceu en Ferrol e logo trasladouse a Vinaròs. No seu caso, o alto tribunal aumentou a súa pena dos dous anos e nove meses aos catro anos e medio "ao estimar o agravante no delito de estafa de recaer o engano nun ben de primeira necesidade como é a saúde".

Tamén elevou a pena polo mesmo motivo de Frederic Gisbert, desde os dous anos e nove meses aos catro anos e medio; así como da súa muller, María Josefa Álvarez Aragón, que realizaba funcións de recepcionista no centro, e que como cómplice de intrusismo e estafa é condenada a dous anos e un mes de prisión.

O Supremo recoñeceu indemnizacións por un total de 137.000 euros para 22 prexudicados, dos cales 110.000 –5.000 por cada un dos afectados– corresponden a dano moral, e o resto a diñeiro satisfeito polos tratamentos, que na maioría dos casos foron absolutamente ineficaces. Deberán abonar as cantidades solidariamente un dos acusados e a súa muller, propietarios do local onde se montou a clínica, e en nove dos casos deberá pagar tamén de forma solidaria o outro acusado.

As vítimas do falso médico ferrolán piden o seu ingreso inmediato...