As viaxes de volta na AP-9 serán gratuítas

O PSOE ve "ridículas" as protestas do BNG, que esixe que os descontos se poñan en marcha "canto antes" ► O PP celebra o paso "tras a reunión de Feijóo e Ábalos"
Peaje de la AP-9. AEP
photo_camera Peaxe da AP-9. AEP

Despois de que o ministro de Transporte confirmase nas últimas horas que as viaxes de volta con telepeaxe na AP-9 serán gratuítas, os principais partidos galegos tomaron posición este luns. 

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu o compromiso do Goberno coa rebaixa das peaxes da AP-9 e considerou "case ridículo" que o BNG "saque aos seus militantes a facer manifestacións" para esixir esta medida cando o Executivo estatal "está a traballar e nunhas semanas vaise ver o acordo" con Audasa. 

"O Goberno ten un compromiso coa rebaixa histórica das peaxes, que vai posibilitar eliminar o pago nos traxectos de regreso entre calquera tramo da AP-9 desde o 2021 ata o 2048", reivindicou Gonzalo Caballero nunha rolda de prensa celebrada este luns na Cámara galega. 

Na súa intervención, o socialista subliñou que se trata dunha "decisión moi importante", que "leva o selo do Partido Socialista, do ministro José Luís Ábalos e do presidente do Goberno, Pedro Sánchez". "E ben sinto que quedasen á marxe destes orzamentos tanto o Partido Popular de Casado e Feijóo, como o BNG", sinalou. 

"Erraron a dereita e o nacionalismo non sabendo ver que cando os socialistas damos unha palabra, cumprimos", subliñou o secretario xeral do PSdeG, que incidiu en que os votos en contra dos orzamentos xerais do Estado "estiveron a obstaculizar e eliminando a posibilidade de que esta rebaixa fose adiante". 

Dito isto e despois de que o ministro de Transportes, Mobilidad e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, confirmase que os traballos para elaborar o real decreto das bonificacións da AP-9 inclúen que os regresos con telepeaxe sexan gratuítos, incidiu en que ata o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "se viu obrigado a pasada semana a recoñecer" que o Executivo estatal tiña "unha axenda en infraestruturas moi potente para Galicia". "Moito máis forte que a que tiña o PP con Mariano Rajoy e Ana Pastor", indicou. 

Tras iso, considerou tamén que o Bloque debe "estar no lado progresista", "recoñecer que errou ao votar en contra dos PGE" e "darse de conta de que as manifestacións que está a levar a cabo estes días están fóra de lugar e que non teñen maior crédito nin relevancia". "Resulta anecdótico, por non dicir case ridículo, que o BNG saque aos seus militantes a facer manifestacións a favor da rebaixa das peaxes da AP-9 cando este goberno está a traballar e nunhas semanas imos ver o maior acordo", apuntou. 

Neste sentido, tras rexeitar "debates baladí" que "non levan a ningunha parte", volveu a subliñar que o Goberno de España "ten o compromiso da rebaixa histórica das peaxes", que se poderá en marcha "nas próximas semanas" e que posibilitará que todos os traxectos de volta sexan gratuítos. 

Para rematar, preguntado por cando entrarán en vigor estas bonificacións, Gonzalo Caballero considerou necesario "esperar a ver como se desenvolven as reunións que ten a concesionaria co ministerio". "O que eu lle pedín ao ministro é que traballe nun acordo duradeiro ata 2048, o prioritario é que sexa un bo acordo e duradeiro para os 27 anos que quedan a concesión", manifestou para incidir é que é preferible "un bo acordo" que "intentar sacar un peor dúas semanas antes".

O BNG PIDE QUE AS REBAIXAS ENTREN EN VIGOR "CANTO ANTES". Preguntada respecto diso noutra rolda de prensa, a líder do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, asegurou que este é un asunto que "preocupa" a todos os galegos polo que as rebaixas deben de aplicarse "canto antes" e sinalou que o anuncio feito por Ábalos "é o que estaba no acordo de investidura" co BNG. 

"Parece que agora o propio ministro Ábalos recoñece que se vai a facer no segundo semestre e creo que isto o que demostra é a utilidade da presión que está a facer o BNG, que non só asina un documento de investidura senón que lle está dicindo con toda claridade ao señor Sánchez que cando atrasa a aplicación dos descontos non está a facer esperar a unha organización política, ao BNG, senón que está a facer esperar a 22.000 usuarios da AP-9 que senten que cada vez que pasan polas cabinas o que están é sendo case diría que atracados", sinalou. 

Tras incidir en que se trata dun "abuso", deixou claro que a súa formación seguirá "firme" na defensa dos intereses de Galicia. "Creo que o que se demostra é a utilidade da presión política e social que está a facer o BNG para este país", apuntou. 

"Grazas a defender os intereses de Galicia por primeira vez no Estado está a porse encima da mesa que vai haber unha rebaixa histórica das peaxes da AP-9 cando ata agora o PP e o PSOE o que fixeron a través dos seus gobernos foi xusto o contrario, ampliar as peaxes e o período de concesión", sinalou. 

Por todo iso, considerou que os galegos van ver a "utilidade de ter unha forza política libre para defender os intereses deste país" fronte " inutilidade do sucursalismo" do Partido Popular e do PSOE.

O PP CELEBRA EL PASO TRAS A REUNIÓN DE Ábalos E FEIJÓO. Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, valorou o paso, ao interpretar que o Ministerio atende á proposta formulada pola Xunta. "Cremos que foi tida en conta esa proposta, que estaba moi ben articulada, e da que se falou na reunión de Feijóo e Ábalos", destacou, nunha rolda de prensa na Cámara. 

Puy remarcou que "a liña de traballo construtivo entre administracións" é "a máis positiva". "Esperamos que se concreten, e que usuarios e profesionais teñan accesos a estas rebaixas que facilitarán a reactivación económica porque reducen os custos", resolveu. 

Comentarios