Verbenas vs festivais: así se vive o verán galego

Un público para cada festexo e diferentes circunstancias en cada ocasión. Estes son os pros e contras das celebracións en Galicia
No verán galego todo o mundo ten cabida dentro da variedade de plans que existen
photo_camera No verán galego todo o mundo ten cabida dentro da variedade de plans que existen

Se por algo é coñecido o verán galego é polas súas festas. Cando a chuvia amaina e o sol quenta as fermosas rúas destes pobos e cidades, o espírito festivo volve encher a vida dos seus habitantes. Como boa xente sinxela que son, os galegos non precisan grandes eventos nin grandes escusas para tenderlle a man a un festexo. Todo motivo é bo para botar un baile cos amigos ou para coñecer amigos cos que botar o baile. Sobran as ganas e a paixón é a mesma, a única discrepancia reside na forma. Non é o mesmo bailar o agarrado diante da orquestra do pobo que pegar chimpos na primeira fila dese festival a tres autobuses e un tren da casa. Non é igual cear a mariscada na casa da avoa que a hamburguesa do chiringo, como tampouco é igual escoitar Paquito el chocolatero e compañía, que o directo dun bo grupo de rock.

Cando se trata de saír de festa, no verán galego pódense atopar dous públicos moi diferenciados. O primeiro non é outro máis que o público verbeneiro, xente amante dos pasodobres, das cancións do verán e dos bailes diante da orquestra ata as catro da madrugada. Por outra parte están os festivaleiros e festivaleiras, líderes absolutos en montaxe de tendas de campaña e especialistas en pratos gourmet a base de embutido. Pero que teñen as verbenas que non teñen os festivais e viceversa? Que hai que ter para ser un bo festivaleiro ou verbeneiro? Cales son os pros e os contras dun e outro evento?

Principalmente, pódese destacar a comida. Non hai nada comparable ós manxares de festa que se fan na casa cando hai verbena no pobo. A sensación de chegar do baile e poder degustar un marabilloso carneiro asado de madrugada é incomparable a calquera hamburguesa ou hot dog festivaleiro a seis euros a ración. E aínda sobra marisco para os días seguintes!

Por outra parte, está a compañía. Neste sentido, punto para os festivais. Non hai cor entre unha boa esmorga de varios días cos colegas e con descoñecidos chegados de calquera punto do país, que en cuestión de horas pasarán a ser os mellores amigos, a unha festa chea de veciños e nais e pais de amigos. Na mesma liña, a música é un factor importante. Ó lado de tres escenarios con grupos nacionais e internacionais tocando en riguroso directo eses temazos que farían chorar de emoción a calquera melómano que se precie, a orquestra Airecitos del Nuevo París non ten nada que facer.

Parece que a movida festivaleira vai gañando terreo no ranking, mais hai algo que non pode pasar desapercibido: a hixiene. De dúas da tarde a cinco da mañá dando chimpos diante dun concerto e entre cervexa e calimocho ninguén repara nas toneladas de terra, pó e suciedade que leva enriba. Isto apréciase mellor cando á mañá seguinte unha ducha é obriga moral e non hai máis remedio que acudir ós chorros de auga xeada que albergan esas casetas noxentas do cámping, coa conseguinte fileira de media hora. Pola contra, á verbena vaise a presumir de vestido novo diante dos veciños despois dunha sesión de perruquería e medio litro de perfume. Os máis vaidosos vano ter difícil no medio do aluvión festivaleiro. Neste caso sobra facer mención ó uso dos sanitarios. É amplamente coñecido que os festivais, en cuestión de mala organización neste sentido, levan a palma. Colas que supoñen perder a primeira fila do concerto e unhas condicións que serían merecedoras de quitarlle a categoría de baño a eses caixóns cheos de lama. Onde estea a proximidade e a pulcritude da casa familiar ou do bar do lado, que se quite o resto.

Merchandising. Non hai nada máis hortera que levar de paseo a camiseta da XXI Verbena Popular de San Fulxencio ou a publicidade da orquestra Los Bochinches. En cambio si mola lucir a camiseta conmemorativa do grandioso Festival Rock & Metal 2015 con todos os nomes deses grupazos estampados nas costas, coma un orgulloso "eu estiven alí".

As rosquillas. Un icono das festas por excelencia. Poucas cousas saben mellor para almorzar pola mañá e son un produto verbeneiro cen por cen. Se parece que contra isto os festivais non teñen nada que facer, chega con dicir: cervexas a un euro! Na maioría dos festivais os prezos populares son unha grande axuda para esas carteiras que chegaron ó límite no bocata da unha da mañá. Falando de cartos, esta vez, punto rotundo para as verbenas: son gratis. Hai algún festival que tamén, pero na maioría deles hai que vender un órgano para poder adquirir o bono tres días. E ademais de non ter que pagar, nas verbenas hai cabida para todos: atraccións para os nenos, baile para os maiores e botellón para os mozos e mozas. Non hai escusa para quedar na casa.

Alguén dixo casa? Iso é precisamente o que menos se pisa sendo un bo festivaleiro ou festivaleira. Vale que saia caro e que a comida sexa máis ben tirando a mala, pero é unha grande oportunidade de viaxar e de coñecer lugares novos dos que a maioría das veces un se acaba namorando. Ademais, case sempre hai unha praia ou un río cerca no que ir darse un chapuzón cos amigos de mañá, para comezar a xornada festivaleira con enerxía. Outra cousa é que os festivais enganchan. Está comprobado que a maioría da xente que acode por primeira vez a un quere repetir ano tras ano coma unha tradición. Durante a primavera non dá chegado a hora de que ese festival saque o cartel da edición deste verán! O malo é que moitas veces lévanse grandes desilusións: non coñecer á metade dos grupos ou que a outra metade non interese, e todo isto xa coa entrada anticipada mercada de hai meses a prezo rebaixado.

Nas verbenas isto non pasa. Sexan quen sexan os nomes que se publican, as cancións van ser sempre as mesmas. Non vai haber espazo para a dúbida nin marxe de sorpresa, as verbenas son predecibles e as orquestras van interpretar unha canción coñecida tras outra. Pero de que vale unha canción coñecida se non se pode bailar con alguén? Un dos contras que teñen as verbenas é que aquel que teña a mala sorte de acudir só ou quedar así por un momento será o centro de todas as miradas veciñais, suscitando os conseguintes comentarios e o posterior bochorno. Un festival nunca deixa a ninguén desamparado. Xa se pode ir só ou ter uns amigos demasiado desapegados, que a ninguén lle vai faltar compaña. A predisposición ás relacións sociais aumentan cando se trata de festivalear, polo que o máis só e desamparado do recinto é acollido sen dubidar polo primeiro grupo de xente que pasa ó seu carón. Solidariedade festivaleira, chámanlle.

Falando de solidariedade nos festivais, todo cambia cando a situación ten que ver cun wall of death. Basta que o cantante metaleiro de turno faga o sinal dende o escenario para que as hordas festivaleiras se boten unhas sobre as outras sen contemplacións. Quen ande polo medio nese momento pode acabar mal parado entre tanta loucura. No mellor dos casos, un par de pisotóns e a roupa chea de pó serán suficientes para saber onde non hai que volver achegarse. As verbenas, en cambio, son máis pausadas. Un resbalón ocasional enriba do escenario é todo o incidente que pode ter lugar. Ademais, por se alguén ten fobia ás masificacións, cabe resaltar que unha verbena sempre é respetuosa co espazo vital. Nela nunca se chegará ó estremo festivaleiro da asfixia.

CONFIANZA. Todos os aspectos enumerados anteriormente son perfectamente válidos para ser un festivaleiro ou verbeneiro declarado, mais non suficientes cando en vez de 18 anos se teñen 15. A idade é importante cando se fala de festa e é aí cando xorden as maiores discrepancias no entorno familiar. Ese grupo que ocupa a memoria enteira do Samsung Galaxy coas suas cancións toca esta fin de semana no festival da cidade veciña e mamá decide que a súa nena é demasiado pequena para botar un par de días fóra da casa co seu grupo de amigos e amigas da mesma idade. O libre albedrío festivaleiro é un privilexio que só se acada a medida que se cumpren anos e, mentres tanto, non queda máis remedio que contentarse coa verbena do pobo. Ninguén se vai opoñer a que o benxamín da casa se achegue pola praza nunha noite de festa e incluso algún familiar vai afrouxar a carteira para que tome un refresco cos amigos. Nunha noite chea de co- ñecidos ningún pai desconfiará das argalladas que o seu fillo pode estar tramando noutro lugar do mesmo recinto mentres el baila El de los ojos negros diante da orquestra. Deste xeito, as verbenas non son unha boa forma, senón a única de adentrarse no mundo da festa e das relacións sociais cando se conta con tan pouca idade. Nas verbenas nacen os primeiros amores, as primeiras trasnadas e incluso se toman as primeiras copas. Só o tempo pode decidir se posteriormente ese adolescente evoluciona cara á movida festivaleira coas súas acampadas, as súas viaxes en grupo, os seus litros de calimocho e o seu amor pola música. Pola contra, tamén vai haber quen se resista a abandonar os encantos verbeneiros de por vida cos seus bailes e as súas xornadas familiares. a clave. Definitivamente, coma a maioría das cousas na vida, todo ten que ver coa

MÚSICA. O desenvolvemento do sentido musical está estreitamente ligado ó ambiente no que uns e outros se senten máis cómodos á hora de pasalo ben. Hai quen goza do pachangueo para botar uns bailes e hai quen, simplemente, prefire algo máis alá. O que si está claro é que Galicia é líder en festexos para todos os estilos, gustos e demandas. Sexa na verbena ou no festival, ningún galego ha quedar nunca sen a súa diversión. Cun verán coma este, cheo de oportunidades, todo o mundo ten cabida na celebración que mellor se adapta ás súas necesidades. O imprescindible é estar sempre rodeado da xente coa que se é feliz e pasalo ben sen reparar en estilos, formas nin prexuízos.

Comentarios