Vinte e dous identificados por marisqueo ilegal nas zonas ferrolás de Caranza e O Couto

Vinte e dúas persoas foron hoxe identificadas por mariscar de forma ilegal nas zonas de Caranza e O Couto, na ría de Ferrol, onde os axentes de Gardacostas comisaron 122 quilos de ameixa babosa e 30 de ameixa fina.

A Consellería de Medio Rural e Mar informou nun comunicado do operativo, no que os axentes se incautaron ademais de once traxes de neopreno, doce ferramentas e nove caldeiros, entre outros obxectos.

Tras este dispositivo contra o furtivismo, a Xunta quere recordar á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de forma ilegal supón un risco para a saúde e aconsella non compralo fóra das vías legais de distribución.

Comentarios