Os veciños afectados pola explosión en Tui acordan unirse nunha plataforma

Pretenden conseguir axudas "do xeito máis rápido e áxil posible"

Estado en el que quedaron varias de las viviendas de Paramos. RADIO GALEGA
photo_camera Estado no que quedaron varias das vivendas de Pairamos. RADIO GALEGA

Os veciños de Tui afectados pola explosión ocorrida o mércores na parroquia de Paramos, acordaron constituírse en plataforma co obxectivo de axuntar as súas forzas para "presionar" e "actuar conxuntamente" ante as diferentes administracións e organismos, de cara a conseguir axudas "do xeito máis rápido e áxil posible".

Trátase dunha decisión que adoptaron na reunión que mantiveron na tarde deste venres no Centro Cultural de Paramos, onde se congregou un alto número de afectados. Ao termo, acordaron volver reunirse na mañá deste sábado para apuntar os datos dos interesados e concretar as súas situacións persoais e as súas pretensións como plataforma.

No entanto, neste primeiro encontro xa se puxeron sobre a mesa algúns dos obxectivos que perseguirá a plataforma, entre os que se inclúe esixir a creación dunha oficina municipal de apoio aos afectados, solicitar unha reunión cos políticos de Tui e a Deputación de Pontevedra, determinar se lles interesa a declaración de zona catastrófica e reclamar a activación de axudas de urxencia.

Na reunión tamén se puxo en relevo que, aínda que de momento van agruparse nunha plataforma, nun futuro os afectados poderían constituír unha asociación ou outro tipo de entidade, para poder persoarse na causa xudicial e esixir as responsabilidades que correspondan.

O avogado José Antonio Fernández acudiu como invitado á reunión para ofrecer asesoramento e tratar de responder as dúbidas dos afectados. Así, avisounos de que o único acusado ata o momento "non vai ter solvencia" para afrontar o pago de todos os danos causados, e advertiu de que as axudas das administracións e os pagos dos seguros "van tardar".

Finalmente, no transcurso deste encontro os veciños volvéronse referir a algunhas das queixas que xa comunicaron pola mañá sobre as axudas, que consideran escasas e ademais terían que declarar. Tras manifestar que "hai xente á que ademais lle ardeu o diñeiro e a documentación e non pode ir ao banco", insistiron: "Fai falta axuda inmediata, porque hai que comer, hai que vivir".

Comentarios