'Ve-la luz' abandona a súa folga de fame agradecendo ter ''voz e voto'' no Parlamento

As mulleres integrantes da asociación Ve-la luz que permanecían en folga de fame desde o pasado 14 de outubro para reclamar un sistema de protección real para as vítimas da violencia machista concluíron hoxe a súa folga de fame agradecidas de ter "voz e voto" no Parlamento galego.

Ve-la luz formará parte dunha comisión de investigación parlamentaria, un "fito na historia de España dentro do marco da violencia de xénero", subliñou nun comunicado, na que "asume a súa responsabilidade" e "saberá estar á altura por experiencia directa e indirecta na materia, así como por ter unha clara intención en pór fin a este terrorismo".

A asociación pretendía coa folga de fame visibilizar a situación real que viven as mulleres que deciden tomar a decisión de saír "do círculo da violencia", a beneficencia e desprotección.

Con este acto aspiraba tamén a recriminar o "discurso pusilánime e confuso" de quen din representar a loita contra a violencia de xénero "mediante a ocupación dos seus escanos".

Por iso recoñece finalizar a súa folga decepcionada pero "quitando máscaras dos que din defender sen concesións os dereitos das mulleres e menores vítimas de violencia de xénero".

Comentarios