Vázquez: ''Non é tempo de cambiar o gato branco polo gato negro''

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou hoxe que a formación que lidera é a única alternativa ao PSOE e ao PP, e, neste sentido, dixo que "non é tempo de cambiar o gato branco polo gato negro".

Vázquez pronunciou estas palabras durante a súa intervención esta mañá na Convención Electoral Nacional que o BNG celebra no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.

"Non é tempo de alternancia. Non é tempo de cambiar o gato branco polo gato negro, é tempo de alternativa, e a única alternativa en Galicia é o BNG", asegurou Guillerme Vázquez.

No seu encontro con mozos dentro da Convención Electoral Nacional o líder nacionalista advertiu de que "a abstención ou a pasividade o 20N significaría a vitoria dos xerifes de Nottingham, de Rajoy e Rubalcaba".

"Xa sabemos o que fixo Rubalcaba e o que vai facer Rajoy, e se non, mirade a Portugal e veredes o que quere facer", dixo.

Por iso, dirixiuse os mozos para dicirlles: "temos dúas armas, a primeira é converter a rebelión social en acción, a mobilización, na que moitos xa participades, e a segunda é o voto e esa hai que exercela o 20N".

No transcurso da súa intervención o portavoz nacional do BNG tamén fixo alusión aos millonarios contratos cobrados polos exdirectivos de Novacaixagalicia, e, respecto diso, criticou ao actual presidente da entidade, José María Castellano, e retouno a facer público o seu contrato.

"O señor que dirixe o equipo de liquidación das caixas de Galicia demanda máis transparencia, e a pregunta é: por que non empezará contándonos a todos cal é o seu contrato, por canto está contratado", sinalou.

Comentarios