Vázquez: "Dicir que non a todo por sistema só nos leva a un abandono do territorio"

Ten unha consellería con tantas competencias que é difícil non estar metida nalgunha fronte. Agora tocáronlle dúas xuntas: lobo e encoros. Aínda que polo medio tamén hai ledicias, como a da Ribeira Sacra
María Ángeles Vázquez Mejudo (Melide, 1972). LUIS POLO (AGN)
photo_camera María Ángeles Vázquez Mejudo (Melide, 1972). LUIS POLO (AGN)

Entrou en vigor o veto á caza do lobo. Fin da polémica?
Non, non acabou. Nós imos dar a batalla porque é un desprezo que se diga que a conservación do lobo en Galicia é desfavorable, igual que no resto de comunidades do norte que albergamos o 95% do lobo da Península. Podemos darlle á ministra un máster de como coidar o lobo, sempre con estudos científicos e tendo en conta que a biodiversidade tamén a integran os gandeiros coas súas cabanas, as razas autóctonas e o resto de especies. O lobo goza de boa saúde en Galicia e non imos permitir que entre na lista de protección.

Axudaría que os pagamentos por danos fosen xenerosos e rápidos. O gandeiro ten hoxe excesiva burocracia para cobrar.
Non é doado. E ademais xa levamos un ano moi atados de pés e mans porque tiñamos enriba da mesa o borrador estatal cunha orde que fai decaer o noso plan de xestión do lobo. O gandeiro necesita un amparo e aquí dáballo a Xunta con axudas á prevención e por danos. Foron 4,6 millóns nos últimos seis anos e esta semana o Consello incrementou ata preto dun millón máis as axudas. O dilema é que a orde estatal di que non hai impacto económico do lobo, aínda que a Xunta e o Consejo de Estado non o vemos así. O Ministerio de Transición Ecológica presuposta 25.000 euros para cubrir danos en toda España e o de Agricultura nada, mentres que a Xunta queda nunha situación de inseguridade porque decae o noso plan, que tiña asignados uns cartos para axudas que agora non sabemos se poderemos investir. O gandeiro queda desamparado.

E aumentará o furtivismo?
Para que viva o lobo ten que estar ben visto no territorio e os pasos que se están dando van motivar enfrontamentos. E iso é malo para os lobos e para os gandeiros.

Por certo, vostede naceu na aldea. Viu algunha vez o lobo?
Vino cando era pequena e bo diseóligusto levei cando desapareceu un can e meu avó dicía que o levara o lobo. Cando o vin correndo por alí encantoume, pero cando desapareceu o can odieino. Agora como conselleira paréceme unha das especies máis fermosas, pero como Goberno e como persoa sensata que ten que amparar a biodiversidade véxome na obriga de protexer a todas as especies; e darlle moita potestade a unha menosprezando o resto anticípanos un problema.

O baleirado de encoros amargoulle as vacacións. É partidaria de investigalo no Parlamento galego?
Debe investigarse, pero onde lle pertence que é o Congreso e o Senado. Galicia ten divididas as súas competencias e uns encoros son da Xunta e outros do ministerio. Se o baleirado fose nos da Xunta tería que investigarse no Parlamento, pero sendo competencia do ministerio como ocorreu aquí, deberá investigarse no Congreso.

Sinala a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil como culpable.
Houbo unha deixadez de funcións pola súa parte e o seu presidente segue metido na caverna sen dar explicacións. Esqueceu que ten competencias e que ten que defender o territorio galego, algo que non fixo porque o baleirado dalgún encoro foi o maior en 20 anos. Nós abrimos expedientes, agardamos as alegacións e o instrutor pediu uns estudos sobre a afectación ambiental que xa veremos que din. Pero a Xunta está disposta a impor ata 2 millóns de sanción. É o menos que podemos facer polos galegos.

Entende aos galegos que din que multar con 25.000 euros a unha empresa eléctrica é un insulto?
Si. Seguramente é ridículo porque en realidade nós sancionamos en función da lei de pesca fluvial, que fixa a multa máxima en 25.000 euros en base á afección que haxa desde o punto de vista piscícola. Pero debería tomar boa nota o presidente da CHMS porque a Xunta vén de pór 1,9 millóns de multa a outra empresa por problemas nun encoro da nosa competencia. Nós poñemos sancións onde podemos, pero o presidente da CHMS é quen pode actuar nos que baleiraron e non o fai. Hai algo escuro en todo isto e non consigo descubrilo.

Vimos de recibir a boa nova da declaración de Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra, Oribio e Courel. Que significará na práctica?
Primeiro dicir que é motivo de orgullo que nos situemos como a segunda comunidade con máis territorio Reserva da Biosfera, unha figura recoñecida internacionalmente onde se equilibra perfectamente o desenvolvemento económico coa sustentabilidade. Así que na práctica suporá un lugar mellor para vivir e para visitar. A Ribeira Sacra logrou ademais a declaración cun expediente de matrícula de honra, así que vai ser o impulso necesario para que esas zonas obteñan fondos suficientes para desenvolver os seus produtos de calidade, para protexer a paisaxe, para rehabilitacións, para rutas, axudas a concellos e entidades... De momento xa logramos que a Ribeira Sacra, Oribio e Courel poidan recibir como Reserva da Biosfera ata 1,5 millóns nestes fondos europeos.

María Ángeles Vázquez Mejudo. LUIS POLO (AGN)O medio ambiente está marcando o debate político en medio planeta e no caso de Galicia ferve cos eólicos ou a minaría. É posible o equilibrio medio ambiente-industria?
É posible, pero é difícil conseguilo. Eu non creo que sexan bos os extremos. Necesitamos enerxía limpa e eólicos, pero deben instalarse onde estea previsto, que no caso galego márcao o plan sectorial: non pode haber aeroxeneradores en Rede Natura, áreas protexidas, turbeiras... Pero non podemos dicir a todo que non por sistema porque iso lévanos a ningures. Se cumpren os requisitos Medio Ambiente dirá que si. E coa minaría, que tamén forma parte do noso territorio, igual. Houbo expedientes que se desbotaron pero se cumpren coa lei a consellería dirá que si. Temos que ter unha Galicia dinámica e cunha economía expansiva, porque o contrario a iso é o abandono; e o abandono é descoidar o territorio.

Entón vostede é das que variaría o trazado dunha autoestrada por unha flor en perigo de extinción?
Eu faría un plan de ordenación de recursos naturais do territorio.

Galicia é o país dos mil ríos, pero moitos esmorecen pola maleza, as especies invasoras ou os verquidos. Como resucitalos?
Estamos traballando nun proxecto denominado Mil Ríos que presentamos aos fondos europeos. Nel, en colaboración con sociedades ou a Federación Galega de Pesca, estou convencida de que imos lograr que os ríos sexan un eixo fundamental desde o punto de vista ambiental e económico.

A política de vivenda da consellería implantou unha filosofía clara: mellor restaurar que construír de novo. Calla a idea na sociedade?
Estou segura de que si. Temos que preservar o que temos e a rehabilitación é fundamental desde o punto de vista estético, de calidade de vida e de patrimonio. Avanzamos moito nese eido coa aprobación de plans de rehabilitación e programas como Rexurbe. Un exemplo é Mondoñedo, onde a declaración como área Rexurbe do casco histórico suporá un antes e un despois xa que non só é restaurar, senón humanizar a contorna, darlle accesibilidade, servizos... Penso que este programa será unha auténtica revolución. Pero preocúpanos o plan estatal de vivenda.

Por que?
A xente está investindo en rehabilitar porque as axudas que daba a Xunta ata agora eran atractivas. Pero o plan estatal de vivenda e os fondos que chegan da UE baixan moito a contía que se subvenciona, polo que se ata agora aquí dábamos o 40% para distintas obras, agora baixarano á metade.

Hai vivendas dabondo en Galicia?
Hai unha maior demanda de vivenda en certas cidades, pero en xeral temos un bo número de vivenda baleira. O que ocorre é que para que saia ao mercado en alugueiro precísase seguridade xurídica, porque senón xorden problemáticas como a okupación.

Aumentou aquí a okupación?
O que detectamos sobre todo é un problema de convivencia en certos lugares, porque moitas veces unha okupación supón unha revolución nun barrio ou unha parroquia. Penso que quen okupa en Galicia é porque non quere ter ningunha obriga e só se cre con dereitos, porque a Xunta pon a disposición todo tipo de recursos para que ninguén estea sen vivenda. Okupar un ben privado e non aceptar ningún control supón un enfrontamento continuo coa sociedade e debemos evitalo.

Creo no mercado libre, nas axudas e na seguridade xurídica, que é o que evita problemas como o da okupación

É partidaria de intervir ou regular o prezo do alugueiro?
Creo no mercado libre e nas axudas para facer fronte ao alugueiro e, ademais, en Galicia non hai grandes posuidores de vivenda. A consellería puxo a disposición dos galegos 10 millóns en catro programas de axuda ao alugueiro: un con ata 500 euros de apoio para xente en apuros nestes tempos covid con máis de 1.000 solicitudes, o alugueiro normal para que os mozos se independicen con 6.000 solicitudes, o alugueiro social para persoas sen recursos onde pagamos o 100% e un de axudas para vítimas de violencia de xénero. Insisto en que creo no mercado libre, nas axudas para facilitarlle o acceso á vivenda á xente e na seguridade xurídica.

Galicia apuntouse ao fermosismo; a xente quere facer as cousas ben e nós tratamos de axudala

Tamén teñen axudas para combater o feísmo tras anos de barra libre. Empezan a dar froitos?
Galicia estase apuntando ao fermosismo e deixamos atrás o feísmo. Os galegos queren facer ben as cousas e veñen de demostralo pola alta demanda das dúas liñas que sacamos contra o feísmo, unha para particulares de 1,2 millóns que permite intervencións que a paisaxe agradece moito; e outra para concellos de menos de 20.000 habitantes, que en escasas horas xa esgotou os recursos. As adminstracións tamén temos que dar exemplo e facer o mesmo que lle esiximos aos cidadáns. E por último teños outra liña para restaurar elementos etnográficos como fontes, hórreos, lavadoiros, palcos... É algo moi noso e non o podemos abandonar.

Espabilan os concellos cos PXOMs para ordenar o urbanismo?
Están traballando. Superamos o centenar de concellos que teñen adaptado o plan á nova lei e temos outros moitos en curso.

A lei estatal de residuos fixa prazos moi ambiciosos para o quinto contedor ou para retirar o amianto. Chegará Galicia a tempo?
Se sae adiante o texto como está publicado agora será imposible que os concellos, que son os que teñen as competencias, podan cumprir. A lei di que o quinto contedor para biorresiduos, o marrón, ten que estar implantado o ano que vén e non se pode. A Xunta pon todos os recursos e facilidades, como as plantas de biorresiduos de Sogama en Cervo, Verín, Vilanova e Cerceda, pero o que nos pon o Goberno central enriba da mesa é un problema moi gordo.

"A alcaldía de Melide é o mellor recordo que teño da política"

Tivo que renunciar á súa acta de deputada. Moléstaa?
Non, en absoluto. Agradécese! Gústalle máis o labor no Parlamento ou na consellería? Eu son unha política de a pé, de estar coa xente e enfrontarse aos problemas. O Parlamento é outro tipo de política. Agora mesmo síntome máis cómoda facendo o que fago.

E xa dentro da consellería... É máis de medio ambiente, de territorio ou de vivenda?
Todo ten os seus pros e as súas contras, pero o medio ambiente éo todo e é o primeiro apelido. Logo vén o territorio e por último a vivenda, que tamén é unha área fantástica.

Feijóo nomeouna vicesecretaria no PPdeG. Quédalle tempo para dedicar ao partido?
Teño que agradecerlle a confianza que depositou en min como presidente do PPdeG. E sempre queda un anaquiño para dedicarlle ao partido porque se non hai partido non hai equipo; e eu creo nos equipos.

Por certo, optará Feijóo a un quinto mandato?
É algo que ten que decidir el. Eu só podo dicir que o mellor que me puido acontecer a min foi estar ao seu carón porque cada ano con el é un máster.

O futuro de Feijóo decídeo el, pero o mellor que me aconteceu é estar ao seu carón; cada ano con el é un máster

Vostede foi alcaldesa de Melide. É certo que a política local é a mellor escola para un político?
Estou convencida de que si. Nun Concello nunca podes cambiar de beirarrúa: vas recibir os eloxios pero tamén debes aprender a encaixcar as críticas. Eu os mellores recordos da política téñoos da alcaldía de Melide.

Vostede recibe a moitísimos alcaldes. Quéixanse moito?
Temos moi bos alcaldes en Galicia, de toda as cores políticas, e o que fan son demandas sensatas ou acoden a obter información. A uns preocúpaos o lobo, a outros o quinto contedor, a outros se a auga dos encoros baleirados terá bacterias...

Tamén leva percorrida moita Galicia. Que lugar a sorprendeu?
É tan difícil! Non hai lugar máis fermoso que Galicia e cando cres que xa a coñeces, sempre aparece algún recuncho. Pero hai que dicir, e non porque estea de moda, que a Ribeira Sacra é fantástica.

E que casco vello lle gusta máis?
Todos. O de Santiago é envexable, e no de Lugo se aparte tomamos un viño e un pincho xa nos gusta máis aínda. Tamén Viveiro, Betanzos... Temos auténticas xoias; simplemente temos que crer nelas.

Lembra algún caso de feísmo que lle provocase dor de cabeza?
De vez en cando hai algún, pero para iso temos as guías de cores, de materiais, de parques industriais... E temos unha guía moi boa, que é a de cartelería, porque ás veces vemos eses carteis de neóns brillantes que buscan un efecto chamada pero que o que fan en ocasións é, precisamente, doer a cabeza.

Sendo de Melide, a metade de camiño... É vostede máis de Lugo ou máis da Coruña?
Depende! Moitas veces en El Progreso poñíanme que era de Lugo e eu estaba encantada, aínda que é certo que pertenzo a A Coruña. Pero é que teño a carón Pontevedra, porque nun paso estou en Agolada. E aínda que me queda un chisco máis lonxe, tamén son unha namorada de Ourense.

Esta entrevista sae en domingo. Que estará facendo?
O primeiro almorzar coa miña nai e os meus fillos. Os domingos dedícolles o tempo que requiren e procuro descansar e pasear. Os veciños venme como vou á horta de miña nai coller flores, pementos ou tomates.

Entón e das que non lle escapa ao sacho.
Agárrome ao sacho, si.

Comentarios