Vázquez Abad confirma que será candidato á Alcaldía en Ourense se así llo pide Feijóo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta, Xesús Vázquez Abad, será candidato á Alcaldía de Ourense se así llo pide o presidente autonómico e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo.

Nunha visita ao novo CEIP de Oleiros, na Coruña, o responsable de Educación no Goberno galego explicou aos medios de comunicación o seu punto de vista acerca da súa posible candidatura nas próximas eleccións municipais de maio deste ano. "En todo caso, cando un pertence a un partido e forma parte dun partido son os presidentes os que teñen que tomar as decisións. Hoxe sigo traballando na Consellería a todo ritmo e, desde logo, o tempo que o presidente considere oportuno", relatou.

Como residente en Ourense, foi consultado por se optará a ser alcalde desta cidade que actualmente está gobernada polo socialista Agustín Fernández Galego, aínda que preferiu non pronunciarse. "Cando un está nun partido ten que asumir as decisións que adopte o seu partido e o seu presidente. Neste momento estou nun proxecto que é o de Alberto Núñez Feijóo. Formo parte dese equipo desde hai seis anos", engadiu.

Recordou as cifras, de 140 millóns de euros de investimento en Galicia, que alcanza o seu departamento con ''xestión", mentres segue "traballando para poder pór a disposición novas infraestruturas. "Estou encantado, estou orgulloso de pertencer ao equipo de Alberto Núñez Feijóo e creo que, ademais, co meu equipo estamos a dar, a pesar dos momentos de dificultade económica, os resultados que se esperan dun Goberno en canto a xestión", concluíu.

Comentarios