UU AA ratifica a súa denuncia contra Lactalis por "apropiación indebida"

O secretario xeral do sindicato, Roberto García, acudiu ao xulgado de Santiago polo "incumprimento" da compañía francesa do acordo alcanzado tras as mobilizacións de 2015

O secretario xeral de Unións Agrarias (UU AA), Roberto García, ratificou este martes nos xulgados de Santiago de Compostela a denuncia do sindicato contra a empresa francesa Lactalis, á que acusa dun delito de suposta "apropiación indebida" polo "incumprimento" do acordo alcanzado tras as mobilizacións de finais de 2015.

Roberto García acudiu este martes a ratificar a denuncia que xa fora presentada polo sindicato no xulgado de Vilalba, onde ten sede a empresa. Tras a súa comparecencia, García explicou aos medios que "todas as cadeas de distribución están a entregar dous céntimos por litro de leite de marca branca ás distintas industrias" en virtude do acordo alcanzado.

"Todas as industrias están a pagar eses dous céntimos máis aló do prezo que ten como industria o leite aos gandeiros, coa excepción de Lactalis, que cobra eses dous céntimos e queda con eles na súa conta a resultados", denunciou Roberto García en declaracións aos medios.

Segundo indicou, "logo de varias reunións e reclamacións" a UU AA non lle quedou "máis remedio" que "ir á vía xudicial" para demostrar que "está a haber unha apropiación indebida". "Ninguén dubida de que hai un acordo coa distribución. Ninguén pon en cuestión que eses dous céntimos, segundo declaran as cadeas de distribución, están a pagarse relixiosamente cada mes", asegurou Roberto García, que criticou que "a única empresa que non lle entrega eses dous céntimos aos gandeiros" sexa "Lactalis".

Por iso, considerou que "hai unha apropiación indebida" por parte da compañía ante a que ve necesario facer unha reclamación de danos e prexuízos causados aos gandeiros". "Como organización agraria representativa estamos a executala pola vía xudicial dado que pola vía de negociación e de arbitraxe do ministerio incumpriuse", apuntou.

"EFECTO DE CONFUSION"

Na súa intervención, o secretario xeral de Unións Agrarias tamén lamentou que a empresa "trate de xerar un efecto de confusión" ao asegurar que "non pode cumprir un acordo do que ela non forma parte".

"Se vostede non forma parte do acordo polo que lle pagan dous céntimos cada mes, devólvaos", esixiu o sindicalista dirixíndose á empresa, á que recordou que só lle dan eses dous céntimos para que llos pague os gandeiros". "Se non os quere dar, porque quere boicotear o acordo, que devolva o diñeiro pero o que non pode facer é non pagar aos gandeiros e meter ese diñeiro na súa conta a resultados", insistiu.

Comentarios