UU AA pide aos cazadores que sexan ''solidarios'' e que organicen batidas de xabarís

O secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias (UU.AA), Jacobo Feijóo, mantivo hoxe unha reunión con diversos colectivos de cazadores para pedirlles que sexan "solidarios" e que, polo menos ata mediados de outubro, cando xa estará recollida a colleita de millo forrajero, organicen batidas e salgan a cazar xabarís.

A esa reunión, que se celebrou no local do sindicato en Lugo, asistiu o secretario da Asociación de Clubs de Caza Maior de Galicia, Francisco Chan; o presidente da Federación de Caza de Lugo, Francisco López, e o presidente do tecor 'O Faisán', de Ribadeo, Luis Jartín.

No transcurso dese encontro, presentáronse os datos relativos á campaña de sementa do millo forrajero, na que, a pesar de que a caza do xabaril estaba en época de veda, realizáronse 538 intervencións en Galicia por parte dos tecores, entre batidas e esperas, 79 delas na provincia de Lugo.

En declaracións a EFE, Jacobo Feijóo fixo especial incidencia nesa cifra de intervencións dos cazadores galegos, porque grazas en parte a ese esforzo, salvouse a campaña de sementa dos ataques dos xabarís, especialmente en zonas cunha alta densidade de poboación desta especie.

Por iso, o líder sindical fixo un chamamento ás asociacións para que os cazadores sexan "solidarios cos seus veciños" ata mediados de outubro e organicen batidas e intervencións preventivas, co obxectivo final de reducir ao máximo os danos que esta especie pode causar nunha colleita de vital importancia para as explotacións gandeiras galegas.

"Temos que facer un chamamento para que ningún cazador quede en casa", engadiu Feijóo.

Ao mesmo tempo, o dirixente sindical tamén instou a gandeiros e a agricultores a informar as organizacións agrarias dos lugares nos que detectaron ataques dos xabarís, "da parcela ou do polígono nos que se produciron", para dar parte á propia Consellería de Medio Ambiente e organizar "actuacións de prevención".

Nese sentido, Feijóo recordou que "se non avisan, non se pode facer nada".

Comentarios