UU AA pide actuacións para controlar aos xabarís e salvar a colleita

Consideran que é o momento para que os tecores e sociedades de caza "tomen a iniciativa"

Un cartel de coto de caza. AEP
photo_camera Un cartel de coto de caza. AEP

O sindicato Unións Agrarias solicitou á Xunta de Galicia e ás distintas sociedades de caza que inicien de inmediato "accións preventivas" para controlar as mandas de xabarís, co obxectivo de que os gandeiros e agricultores dispoñan de marxe "de manobra antes do inicio dos traballos de semente" do millo.

Esta organización agraria recorda que entre os produtores existe "unha gran inquietude polos danos reiterados que provocan os xabarís" agora que "terminou a tempada de caza no mes de febreiro" e que "nas próximas semanas comeza a campaña para sementar o millo forrajero", que se estenderá "ata mediados de xuño".

Desde o seu punto de vista, "é fundamental anticiparse aos movementos das mandas de xabarís" para "non ir, como todos os anos, detrás do problema", unha vez que os animais "esnaquizan as parcelas que acaban de ser sementadas con millo". Ao seu xuízo, é o momento para que os tecores e sociedades de caza "tomen a iniciativa nas distintas parroquias e municipios de Galicia".

Pide o sindicato que os tecores fagan nas semanas previas ao comezo da campaña de sementa "un traballo intensivo de campo para ir determinando onde están as mandas de xabarís máis próximos" aos lugares e zonas de cultivo. Tamén propón que os cans utilizados nas batidas sexan adestrados nas zonas de risco de danos nas próximas semanas, como unha medida para afastar aos xabarís, así como que os tecores preparen listas de cazadores dispostos a facer esperas de control de danos unha vez que empeza o sementado, para responder "de forma eficaz cando sexan requiridos por agricultores e gandeiros durante os meses de veda".

O papel da Xunta, engade, "ten que ser de coordinación e autorización de todas esas medidas". 

Comentarios