UU AA busca que a Fiscalía estude ''a responsabilidade'' da Xunta na quebra de Alimentos Lácteos

O sindicato Unións Agrarias (UU AA) confirmou que esta mesma semana presentará un escrito ante a Fiscalía para que avalíe "a responsabilidade" da Xunta de Galicia e dos xestores na quebra do proxecto de base cooperativa de Alimentos Lácteos, unha empresa que se atopa nestes momentos en fase de liquidación.

En declaracións a EFE, o secretario xeral de Unións Agrarias (UU AA), Roberto García, confirmou que o sindicato estivo recompilando toda a información sobre a xestión da empresa, desde a creación da propia sociedade, e antes de que finalice esta semana, seguramente "mañá ou pasado", ese escrito chegará á Fiscalía.

En canto aos argumentos que esgrimirá o propio sindicato nese documento, aclarou que seguirá a mesma liña que a denuncia que prepararon "cinco cooperativas" afectadas pola quebra de Alimentos Lácteos, aínda que irá "un pouco máis aló", dado que tamén sinalará á xestión do goberno galego neste asunto.

García precisou que "no concurso doloso falta unha das partes, que é o papel que desde o primeiro momento" desempeñou o goberno galego, a través da Consellería de Economía, na dirección e na xestión de todo o proxecto lácteo. "Entendemos que dentro da responsabilidade patrimonial, fronte a gandeiros e cooperativas, falta por determinar a da Xunta", engadiu o dirixente sindical. "Os administradores, máis aló de ostentar a maioría do capital no consello de administración, eran meros portavoces de decisións que se tomaban no goberno galego", concluíu.

Comentarios