Os usuarios de residencias só poderán saír unha vez para celebrar o Nadal

O protocolo elaborado pola Xunta dita que terán que estar nun único domicilio e cun grupo familiar estable
Un usuario de una residencia. PIXABAY
photo_camera Un usuario dunha residencia. PIXABAY

O protocolo de medidas elaborado pola Consellería de Política Social para este Nadal establece que os usuarios das residencias da comunidade só poderán realizar, como máximo, unha saída do centro durante este período, que deben permanecer cun grupo familiar estable e que se lles fará unha proba PCR antes de volver.

En concreto, o documento recomenda, como mellor opción, que os usuarios non abandonen as residencias durante estas celebracións, para evitar contaxios. Con todo, se é necesaria unha saída familiar, establécese un máximo dunha en todo o período de Nadal e que se programe "cunha duración mínima de cinco días".

Ver máis: Sanidade avanza o seu plan para Nadal: seis persoas máximo, sen contar nenos, ou dúas unidades familiares

A estancia "debe restrinxirse a un único domicilio familiar" e o grupo co que vaia estar o residente debe comportarse como un núcleo de convivencia estable, evitando interaccións con outras persoas. Do mesmo xeito, recomendan o uso da máscara sempre que sexa posible.

De regreso ao centro residencial, someteráselles a unha proba PCR, ou ben test de antígenos, como máximo 48 horas antes de volver, unha enquisa epidemiolóxica e toma de constantes antes de regresar.

Os usuarios que saian deberán permanecer durante sete días ao seu regreso nunha habitación preferentemente individual, onde non poñan en risco a outros internos, con vixilancia de sintomatología e extremando as medidas de prevención en zonas comúns. Estas medidas non serán de aplicación en persoas que desen positivo en covid-19 nos últimos tres meses.

En caso de calquera síntoma ou sospeita, o residente deberá permanecer no grupo de convivencia familiar e se se detecta un positivo no ámbito da familia, comunicarase "de forma urxente". Se se detecta un brote no centro de orixe, o usuario non poderá regresar ata a súa resolución.

Comentarios