Os usuarios de residencias con covid en Galicia soben a 387 ao detectarse 38 novos positivos

Rexistrados novos contaxios en xeriátricos de Santiago, Muíños, Vilar de Santos e Pontevedra, e nun centro de discapacidade de Crecente
Residencia de Burela. ARCHIVO
photo_camera Residencia de Burela. ARCHIVO

Os usuarios de residencias de Galicia diagnosticados de covid-19 aumentaron un día máis e sitúanse no total de 387, despois de que nas últimas horas se rexistrasen 38 novos contaxios repartidos en case unha decena de centros.

En concreto, 10 dos novos casos de coronavirus correspóndense con anciáns do xeriátrico DomusVi Carballo, ademais doutros oito na residencia A miña Casa de Pazos de Borbén, seis en DomusVi Vimianzo, catro en San Bartolomeu de Xove, outro catro en Virxe da Clamadoira de Muíños, dous en Campolongo de Pontevedra, dous en Santa Teresa Jornet da Coruña, un no centro San José Otero de Santiago e outro na Vivenda Comunitaria de Vilar de Santos.

No entanto, no parte diario difundido este martes pola Xunta, figura que dous anciáns da residencia Santa Teresa Jornet da Coruña recibiron o alta, polo que se retiran do cómputo de casos activos. Tamén saen da listaxe outros 11 usuarios de xeriátricos que faleceron con covid nos últimos días, tal e como informaba na noite do luns a Consellería de Sanidade.

Tras estas variacións, a DomusVi Ribeira continúa como a residencia con máis casos activos entre os maiores, cun total de 67. Seguen a esta a residencia Paz y Bien de Tui –intervida pola Xunta a semana pasada–, con 61 casos activos, e a DomusVi Vimianzo, con 49.

Tamén contan con grandes grupos de usuarios contaxiados a residencia da Pastoriza e os seus apartamentos asociados, con 30 positivos; a Fogar Santa María de Verín, con outros 30; a Quercus de Leiro, con 27; a DomusVi Carballo, con 23; e a San José de Arzúa, con 20.

A San Bartolomeu de Xove ten 18 anciáns infectados, Mi Casa de Pazos de Borbén contabiliza 15, a Santa Tereza de Jornet 13 e o Hospital Asilo San Sebatián e San Lázaro de Ribadeo ten oito.

Con catro usuarios con coronavirus están os Apartamentos Tutelados San Bartolomeu de Xove, a Virxe da Clamadoira de Muíños e Las Angélicas de Vigo. Con tres, a residencia de Burela, a de Vilardevós e a Moledo de Vigo. Con dous, La Saleta de San Cristovo de Cea e a Campolongo de Pontevedra. Cun único caso, están o centro San José Otero de Santiago, a DomusVi San Lázaro, a residencia de Bande, a Vivenda Comunitaria de Vilar de Santos e a Stella Maris de Nigrán.

TRABALLADORES INFECTADOS

En canto aos traballadores das residencias galegas, o cómputo global volveu ascender nos datos deste martes até colocarse nos 200. Nas últimas horas, detectáronse 16 novos positivos: catro en Paz y Bien de Tui, tres en DomusVi Vimianzo, tres en Las Angélicas de Vigo, dous en DomusVi Ferrol, dous en San José de Arzúa, un na residencia de Ortigueira e outro en DomusVi Ribeira.

Á parte, hai que ter en conta que recibiron o alta da covid-19 outros 11 empregados de xeriátricos: catro de DomusVi Vimianzo, dous en Os Gozos de Pereiro de Aguiar, un en Caser A Zapateira de Culleredo, un na residencia de Oleiros, outro en Burela, un en Albertia Lugo e outro no CRAPD Vigo II.

Segundo a última actualización da Xunta, o cadro máis afectado pola pandemia segue sendo a da residencia Paz y Bien de Tui, con 29 positivos; seguida da da Pastoriza, con 23; DomusVi Ribeira, con 21; DomusVi Vimianzo, con 19; a San Bartolomeu de Xove, con 12; e o Fogar Santa María de Verín, con 10 empregados contaxiados.

O resto de centros que figuran na listaxe ten menos dunha decena de casos entre os traballadores.

CENTROS DE DISCAPACIDADE

Nos centros de atención á discapacidade (CAPD) de Galicia, detectouse un novo brote con sete usuarios afectados na Casa Nuestra Señora de Fátima y Cristo Rey de Crecente, á vez que se engadiron á listaxe por contaxiarse outros dous usuarios do centro Pai Menni de Betanzos, que acumula xa 31 casos activos. Ademais, hai un usuario con covid en DomusVi Bóveda.

No lado dos traballadores, creceron a 14 tras detectarse un positivo no centro Aspace de Sada, outro no centro Aseme de Chantada e un terceiro na residencia de discapacidade de Bergondo, que agora conta con dous empregados con coronavirus. A estes súmanse sete traballadores da Pai Menni, un do CAPD A Coruña, un en casa Lamastelle de Oleiros e outro en DomusVi Bóveda. 

Comentarios