A USC axudará o seu alumnado a pagar o custo da conexión a internet

Poderá solicitarse a partir deste luns 30 de marzo e contempla os gastos na rede ata un máximo de 60 Gb
Ordenadores. EP
photo_camera Dous ordenadores. EP

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) axudará o seu alumnado a sufragar o custo de internet durante o tempo que permaneza activo o Estado de Alarma declarado para combater a propagación do coronavirus. 

Nun comunicado, a universidade santiaguesa sinala que o alumnado de grao e máster poderá acollerse a un plan de financiamento que a USC pon en marcha para garantir o seu acceso ao contido do Campus Virtual e "demais ferramentas didácticas" para que continúen coa súa formación académica durante as próximas semanas. 

A axuda, que poderá solicitarse a partir deste luns 30 de marzo, contempla os gastos de internet (até un máximo de 60 Gb) durante o mes no que se declarou o Estado de Alarma ou ao mes de abril, no que permanecerá esta declaración polo menos durante as primeiras dúas semanas. 

Así, a USC comprométese a financiar o 90% do gasto en Internet da persona beneficiaria até un máximo de 40 euros. As solicitudes, restrinxidas a alumnos matriculados no curso 2019/20, deberán formalizarse a través da sede electrónica da USC até o 15 de abril. 
Por outra banda, a universidade santiaguesa tamén acordou suspender o cobro das cotas do servizo universitario de residencias. Tamén queda paralizado o pago da Escola Infantil Breogán e das actividades de extensión universitaria. 

Comentarios