Uns corenta galegos reclaman a súa paternidade con probas de ADN

Son fillos extramatrimoniais, nacidos nas décadas de 1940, 1950 e 1960, froito de relacións "non románticas impostas", dixo o avogado que os representa

Uns corenta galegos reclamarán por vía xudicial ser recoñecidos como fillos extramatrimoniais dos seus respectivos pais mediante probas de ADN, segundo explicou o avogado sevillano Fernando Osuna. Os afectados por esta situación, das catro provincias galegas, previran reunirse nunha concentración na mañá deste xoves ante os xulgados da Coruña para denunciar a súa situación e explicar á opinión pública as súas vivencias, aínda que finalmente non acudiron por "circunstancias de última hora", explicou Fernando Osuna aos medios de comunicación.

"En Galicia son uns corenta afectados que naceron nas décadas de 1940, 1950 e 1960, froito de relacións sentimentais ou non románticas impostas, en que unha muller duns vinte ou trinta anos quedaba embarazada dun home dominante, con influencia grande económica ou social", detallou Osuna. Estas mulleres eran despedidas dos seus traballos e as familias repudiábanas, polo que pasaban situacións de "penuria" e "moita necesidade", aínda que agora os seus fillos poderían acceder a herdanzas millonarias.

Segundo o letrado, nestes casos fanse probas de ADN que dan un 99,99 por cento de fiabilidade: "Fronte a ese ADN pouco se pode obxectar, por moitas testemuñas ou documentos que se presenten", dixo e engadiu que este método xa o utilizou o seu bufete nos casos do Cordobés e o fillo de Julio Iglesias. "O primeiro que facemos é coller o ADN nunha cafetería, nun lugar público", detallou respecto dun labor de investigación que se encarga a un detective privado. 

Os demandantes son defendidos por Fernando Osuna, que levou casos de paternidade como o de El Cordobés



Os fillos recoñecidos en vía xudicial, que "moitas veces esperan a que faleza a súa nai para reclamar", poden herdar "un terzo das herdanzas se hai testamento ou a herdanza íntegra se non o hai".

Este xoves, en concreto, Osuna estivo na Coruña polo xuízo dunha muller que reclama a paternidade dun home que reside fóra de España, polo que se fixo a proba de ADN a un irmán deste home a través dun detective privado. O resultado foi concluínte en "un 99,99 por cento", polo que espera unha sentenza favorable que sirva a esta afectada para acceder a unha "herdanza importante" cando faleza o seu suposto pai.

CASOS CÉLEBRES. Con 35 anos de experiencia poderíaselle chamar a Fernando Osuna 'o avogado dos fillos ilexítimos' pola cantidade de casos que defende nos tribunais de persoas que creceron sen o recoñecemento do seu pai biolóxico. As súas defensas máis mediáticas enfrontaron a este avogado sevillano con coñecidos financeiros, políticos, deportistas, empresarios, gandeiros ou toureiros. A familia March, os fillos de Leoncio Martínez de Gregorio, marido da Duquesa de Medina Sidonia, ou Manuel Benítez 'El Cordobés' son algúns dos personaxes famosos que se viron as caras no xulgado con este letrado.

Durante as últimas décadas está a producirse un incremento das demandas de filiación extramatrimonial. Esta tendencia débese en gran parte "a que o ADN é unha proba moi exacta e non admite oposición, xa que cando o resultado é positivo a porcentaxe de fiabilidade é dun 99,9%", explicou o letrado.

Comentarios