Un de cada tres mozos queda con descoñecidos a través de Internet

O 31,4% dos mozos galegos recoñece ter contacto con descoñecidos a través da rede e un de cada tres destes casos chegaron a quedar fisicamente con eles, segundo o estudo sobre o uso de Internet e as novas tecnoloxías neste colectivo.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; o Valedor do Pobo, José Julio Fernández, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Viaño, presentaron hoxe os resultados deste primeiro macroestudio.

A estatística recolle que o 8,9% dos mozos sentiuse ameazado ou humillado a través de Internet, que o 6,9% foi o autor desas ameazas ou acosos e que un 4% realizou sexting, envío de contidos multimedia eróticos ou pornográficos por medio da rede.

Segundo o estudo, o nivel de risco de adicción a Internet entre os mozos galegos é moderado, xa que o 81,8% está a facer un uso adecuado, aínda que un 4% presenta signos manifestos de "unha utilización problemática". Na mostra participaron un total de 255 centros galegos de ensino -183 públicos e 72 concertados- e 44.051 adolescentes de entre 12 e 17 anos -22.405 homes e 21.646 mulleres-.

Mar Pereira destacou que a utilización de Internet nos fogares con nenos de entre 3 e 16 anos alcanzara xa o 80%, o que supón 18,8 puntos máis que no resto dos fogares, unha cifra que supera a media estatal. Pereira sinalou que Internet ten unhas vantaxes que son "incuestionables" xa que ofrece grandes posibilidades, pero sempre que o uso se realice dun xeito responsable. "E os adolescentes son sensibles a esta problemática", engadiu.

Pola súa banda, Juan Viaño destacou que estas cifras mostran que se superou "a brecha tecnolóxica" e que os mozos son cada vez máis activos e máis participativos, adaptándose rapidamente aos novos cambios. Viaño subliñou que é necesario buscar o equilibrio entre a intimidade e o avance tecnolóxico para atallar futuros problemas do xeito máis rápido posible.

Pola súa banda, o conselleiro de Educación dixo que, con este resultado, Galicia "dá un paso adiante" ao conseguir un mapa real de datos que permite tomar medidas respecto ao uso dunha ferramenta "moi forte" como é Internet, que "abre inmensas posibilidades", pero que "non está exenta de perigos" e que evoluciona a unha "velocidade de medo".

Durante a súa intervención, o Valedor do Pobo dixo que este macroestudio xa serve como modelo internacional, pero que é necesario non criminalizar Internet nin establecer ningún tipo de censura, senón inculcar valores como a tolerancia, a consecuencia dos actos ou a dignidade das persoas aos mozos galegos.

Neste sentido, afirmou que é importante concienciar aos mozos de que hai actitudes que "non son admisibles" e de que teñen o perigo de desembocar en situacións como o fracaso escolar, actos de violencia de xénero ou problemas nas relacións paterno-filiais.

Todos coincidiron en destacar que estes resultados permiten seguir avanzando no deseño de políticas adecuadas para traballar neste ámbito e profundar nos programas de prevención de riscos do uso das novas tecnoloxías por parte dos mozos galegos, a través da reflexión e o compromiso de administracións, educadores e familias.

Comentarios