Os campus galegos ofrecerán tres graos e dez másteres novos o próximo curso

Intelixencia artificial, relacións internacionais e xestión hostaleira son as grandes novidades na oferta educativa das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo
Universitarios en una imagen de archivo. XESÚS PONTE
photo_camera Universitarios en una imagen de archivo. XESÚS PONTE

Os graos en Intelixencia artificial, Relacións internacionais e Xestión de empresas hostaleiras son as novidades do próximo ano académico no sistema universitario galego. A oferta para o curso 2022/23 foi dada a coñecer este venres pola Consellería de Educación tras o acordo por consenso das vicerrectorías das tres universidades galegas: Santiago, A Coruña e Vigo. 

A falta de ser ratificada formalmente na Conferencia Xeral de Política Universitaria, a oferta está composta de 11.759 prazas públicas en titulacións de grao —209 máis que este curso— e 5.162 nas de máster —26 menos—. 

Como novidades entre os graos están o de Intelixencia Artificial, con 150 prazas e impartido entre as Universidades de A Coruña, Santiago e Vigo; e o de Relacións Internacionais, compartido entre UDC e UVigo cun total de 45 prazas entre os campus de Ourense e Ferrol. 

Ademais, tamén se incorpora á oferta do próximo curso o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, que se dará no Centro Superior de Hostalaría de Galicia, adscrito á USC. Conta cun total de 75 prazas. 

Para rematar, de face ao curso 2022/23 se reverifica o Grao de Enfermería da USC con 150 prazas en Santiago e 83 en Lugo —13 máis que este curso—.

MÁSTERS 

Pola súa banda, incorpóranse dez novas titulacións á oferta de máster, entre as que destaca o interuniversitario en Intelixencia Artificial, que ofertan as tres universidades con 60 prazas, e o de Desafíos das Cidades, que tamén imparten UDC, UVigo e USC en colaboración con outras tres universidades portuguesas. 

Así mesmo, a USC engade tres novos másteres: Dereito Transnacional da Empresa e das Tecnoloxías Dixitais, Enxeñería Ambiental e Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras. 

En canto á UVigo, incorpora as titulacións en Enxeñería Biomédica e Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia; mentres que a UDC suma os de Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade, Estudos Avanzados sobre a Linguaxe, a Comunicación e as súas Patoloxías e o de Métodos en Investigación e Análise social. 

Comentarios