Un verinés de 10 anos, entre os catro mellores do mundo en cálculo

Raúl Vega quedou en cuarta posición nun torneo matemático con 24.075 participantes
Raúl Vega Pazos, en un aula del Ceip Amaro Refojo de Verín
photo_camera Raúl Vega Pazos, en un aula del Ceip Amaro Refojo de Verín

Raúl Vega Pazos, un escolar verinés de 10 anos, quedou en cuarta posición no campionato mundial de cálculo mental SuperTmatik, nunha proba global que se desenvolveu por internet e que só na categoría de Raúl –4º de primaria– reuniu 24.075 participantes de máis de 48 nacionalidades distintas. Unha xesta de tales dimensións non colleu por sorpresa, con todo, aos profesores e ao resto de alumnos do Ceip Amaro Refojo de Verín, onde todos están ao tanto das altas capacidades de Raúl para as matemáticas. E unha parte do mérito é tamén para os docentes, xa que incentivan os alumnos para que practiquen esta disciplina mediante campionatos semanais en clase.

"Está demostrado que o cálculo mental ten efectos beneficiosos para a mente humana e que se notan sobre todo nos nenos, por iso desde o colexio organizamos competicións e tratamos de estimular os nosos alumnos nesta práctica matemática", explica Ricardo Rodríguez, profesor do colexio de Raúl, quen está afeito a ocupar a primeira praza destas olimpíadas escolares.

Con todo, recoñece que a proba SuperTmatik non foi fácil. Non tanto polas preguntas, que eran 15 nas que se debían resolver distintas operacións de cálculo combinadas, senón porque debían facerse no menor tempo posible. De feito, a diferenza entre os participantes marcárona décimas de segundo. Raúl fixo pleno, pero tres escolares de Portugal, China e Malta tamén acertaron todas e en menor tempo.

Raúl non oculta a súa satisfacción por entrar na elite mundial do cálculo mental, como tampouco o fan os seus profesores e, seguro, os seus pais. Desde o centro seguirán potenciando o exercicio das matemáticas mediante concursos e actividades lúdicas, pois consideran que hai coñecemento máis aló dos libros.

Comentarios