Un pioneiro salvavidas para os percebeiros

A firma automobilística Nissan desenvolve un sistema que alerta a estes profesionais das ondas perigosas con dispositivos de luz led, son e vibración instalados no traxe de neopreno
Los dispositivos de alerta se sitúan en el antebrazo, la zona lumbar y las escápulas
photo_camera Los dispositivos de alerta se sitúan en el antebrazo, la zona lumbar y las escápulas

Os percebeiros que cada día se xogan a vida en rochosos cantiis das costas galegas para recoller un dos mariscos máis afamados do mundo poden atopar na era da revolución tecnolóxica innovadores desenvolvementos para facer menos arriscada unha das profesións máis perigosas do mundo. Un deses pioneiros avances é o que permite incorporar no traxe de neopreno destes traballadores un dispositivo que lles alerta mediante sinais lumíninas, sonoras e de movemento da chegada de fortes ondas que os poden arrastrar á auga en cuestión de segundos sen que os anos de experiencia ou a destreza basten para evitalo.

Ese sistema de protección existe, chámase Percebeiro Shield e o seu impulsor é Nissan. Si, a firma automobilística. No seu obxectivo de expandir a I+D+i máis aló do desenvolvemento dos vehículos intelixentes, reparou no expostos que están estes mariscadores a sufrir un accidente mentres faenan sobre escarpadas rocas rodeadas dun mar moitas veces bravío. A firma expúxose como podería axudar a tecnoloxía díse- ñada para mellorar a seguridade na automoción a facer menos arriscada o labor destes profesionais. O resultado é un mecanismo propio da era 4.0 que, en lugar de alertar do perigo na estrada, faio no mar.

Operativa Percebeiro Shield escanea o mar en tempo real cun sistema de infravermellos e analiza a espuma que producen as ondas

FUNCIONAMENTO. Escanea a superficie da auga a través dun sistema Lidar de infravermellos cun preciso láser que apunta sobre a espuma para poder saber en tempo real onde están as ondas, de que tipo son e cúando chegará unha con tal potencia que supoña unha ameaza para o percebeiro. Toda esa información chegaralle a través de tres dispositivos instalados na súa funda de traballo. Un deles está situado no antebrazo e indica mediante luces led o tipo de ondada que chega ás costas do mariscador. O modelo de audio waterproof colocado entre as escápulas emite frecuencias de sons con diferentes alertas, e o de vibración incorporado na zona lumbar advirte ante un risco inminente. O obxectivo é que poidan esquivalo a tempo para evitar sustos ou traxedias.

Estes profesionais guíanse polo seu oído e a vista para tratar de anticiparse a situacións ameazantes, pero hai ondas traizoeiras que custa ver aínda que un poña toda a atención. Percebeiro Shield pode ser un bo aliado ante ese tipo de situacións. "Esta tecnoloxía dótalles dun sexto sentido para anticiparse ao perigo", destacan desde Nissan. Se, aínda con esa axuda, o traballador cae á auga, o sistema envía un aviso en tempo real a Salvamento Marítimo para acudir ao seu rescate. Iso é posible porque os sensores están conectados co centro de coordinanación de urxencias.

Test O prototipo probouse con éxito con percebeiros da zona de Cangas tras máis dun ano de desenvolvemento, pero de momento non se vende

PROBAS NO MAR. Para desenvolver este proxecto pioneiro, a compañía contou coa colaboración doutras firmas como Glassworks (que ofrece servizos de tecnoloxía 2D e 3D), do instituto de ciencias de mar do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e dos percebeiros da confraría de San José de Cangas. Con eles se testó con éxito o sistema nas costas galegas. A proba de lume chegou cando os dispositivos alertaron sobre a chegada dunha onda mar falso, aquela que non se ve, que é impredicible. "A combinación dun elevado número de factores fai que a ondada sexa imprevisible e de aí o interesante deste tipo de desenvolvementos", explica Josep Lluís Pelegrí, profesor no CSIC.

Probado o prototipo, os percebeiros valoraron o antes e despois que podería supor a súa utilización para protexerse do intempestivo mar. "Se o dispositivo consegue avisar dous segundos antes de que veña a onda, voume a mover medio metro e vou escapar do mar. É un gran avance para a seguridade na nosa profesión", afirma o presidente da confraría de Cangas, Fernando Mariño, quen leva máis de 20 anos exercendo esta dura profesión.

NON SE COMERCIALIZA. Tras máis dun ano de investigación e traballo, o modelo está creado, pero de momento non se comercializa. Nissan espera que o seu proxecto "sirva para que outras compañías de tecnoloxía poidan continuar co seu desenvolvemento e cara á potencial comercialización" dun sistema que pode salvar vidas no mar.

Comentarios