Un interno de Monterroso será xulgado mañá por agredir un funcionario

Un interno do centro penal de Monterroso, R.T.G, de 26 anos de idade, enfróntase a unha posible pena de dous anos e seis meses de cárcere, por incitar aos demais internos a non cumprir as ordes dos funcionarios do penal e por golpear a un deles.

Segundo figura no escrito de acusación, ao que EFE tivo acceso, os feitos polos que será xulgado sucederon o 15 de maio de 2010, pasadas as dúas da tarde, cando o acusado "incitou aos demais internos" a non "cumprir as ordes dábanlles os funcionarios de meterse nas súas celas".

O fiscal explica que os funcionarios se dirixiron ao preso para "recriminarlle o seu comportamento", pero nese momento, "o acusado, con total desprezo cara á autoridade, abalanzouse sobre eles e empuxounos violentamente".

Un dos funcionarios caeu sobre a cama do acusado e recibiu un golpe "no baixo ventre".

O fiscal cualifica estes feitos como un delito de atentado e pide para o acusado, que será xulgado mañá, unha pena de dous anos e medio de cárcere.

Comentarios