Un incendio permanece activo en Xermade logo de queimar máis de 20 hectáreas

A Consellería do Medio Rural e do Mar informou de que un incendio forestal permanece activo e outro foi controlado a pasada noite no municipio lucense de Xermade e, segundo as primeiras estimacións provisionais, a superficie queimada supera as vinte hectáreas en ambos.

O lume que comezou na parroquia de Roupar é o que aínda permanece activo, a pesar de que os medios de extinción traballaron durante toda a noite para sufocar as chamas, dado que o incendio comezou ás 21:47 horas de onte.

Nos traballos para sufocar ese incendio, que xa calcinou máis de vinte hectáreas, participan dous axentes forestais, tres brigadas, unha motobomba e unha escavadora.

O incendio que afecta á parroquia de Xermade comezou ás nove e media da noite de onte e quedou controlado ás 8:22 horas desta mañá.

Segundo as primeiras estimacións de Medio Rural, a superficie afectada tamén supera as vinte hectáreas e nos traballos de extinción están a participar outros dous axentes forestais, tres brigadas e tres motobombas.

Tamén foron mobilizados os bombeiros do parque de Vilalba, que prestaron labores de apoio.

Comentarios