Un home en estado grave tras unha explosión de gas en Outes

Dúas persoas resultaron feridas no concello coruñés de Outes por unha explosión nunha vivenda provocado por un escape de gas. Un home de 48 anos, E.M.S., permanece ingresado no Hospital Juan Canalejo da Coruña. Sofre queimaduras na cara, o tronco e as pernas a consecuencia do accidente, e o seu estado é moi grave.

Tras unha primeira valoración e asistencia médica, a vítima foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario (CHUS) de Santiago de Compostela, para ser posteriormente evacuado ao Juan Canalejo pola gravidade das súas feridas. A outra persoa ferida na explosión, de carácter leve, foi atendida no centro de saúde de Outes.

A explosión tivo lugar nunha vivenda da parroquia de Sabardes ao redor das 8:00 horas e os servizos de urxencias enviaron tres ambulancias para atender ás vítimas. O estourido produciuse a consecuencia dun escape de gas cando un dos feridos acendeu a luz na vivenda.

Comentarios