Un grupo ecoloxista acha uns petróglifos no lugar onde se construirá unha incineradora

Membros da asociación ecoloxista Outeiro, do Carballiño, informaron do achado de petróglifos de fai 5.000 anos en montes da zona onde está prevista a construción da incineradora de residuos do sur de Galicia, no municipio ourensán do Irixo.

A asociación informou nun comunicado de que os petróglifos se atopan nos montes comunais do Irixo, Orosa, Cardedo, Menaz, Filgueira e Casares, polo que solicitou a paralización do proxecto, non só polo "gran valor arqueolóxico" da zona, senón tamén porque defenden outros modelos máis efectivos para tratar os residuos.

Segundo explica o arqueólogo Antonio de la Peña no escrito, os petróglifos achados, nos que se poden apreciar "figuras, círculos concéntricos e cazoletas", representan "unha das manifestacións culturais máis importantes da prehistoria europea", que podería datarse, segundo as primeiras hipóteses, no terceiro milenio antes de Cristo.

Ante este achado, a asociación Outeiro presentou unha solicitude ante a delegación provincial de Cultura para pedir a "catalogación urxente" e a toma de medidas de protección dos petróglifos, xunto " creación dun parque arqueolóxico".

Engade que non é o primeiro achado deste tipo, nos montes comunais do Irixo e recorda que no ano 2005 tivo lugar "o maior achado dos últimos anos no que a arqueoloxía se refire", con máis de vinte rocas con todo tipo de simboloxía e tumbas neolíticas.

Comentarios