Un detido polos incendios de Boiro

O equipo de Investigación de Incendios Forestais da Policía Autonómica en Santiago de Compostela, en colaboración con persoal do Distrito IV-Barbanza, detivo ao autor confeso de tres incendios forestais no Concello de Boiro, informou a Xunta nun comunicado.

Os incendios tiveron lugar entre os días 12 e 13 desta semana na parroquia de Bealo e arrasaron unha superficie total de 17 hectáreas de monte raso.

Como consecuencia das pescudas e das entrevistas a veciños realizadas polos axentes procedeuse á detención do sospeitoso, que acabou recoñecendo a autoría dos lumes, indícase no comunicado.

A detido conta con numerosos antecedentes por feitos similares, polo menos en 11 incendios ocorridos nos últimos anos nas inmediacións dos lugares de Armada e Galea. En concreto, trátase dun incendio en 2005, 9 en 2011 e outro en 2012, no que arderon 255 hectáreas de monte. A estes hai que sumar estes tres últimos lumes.

Así mesmo, os axentes de Santiago tamén informaron da imputación dun veciño de Mesía, na Coruña, nunha actuación na que colaborou o persoal do Distrito III-Santiago Meseta Interior.

O lume que se lle imputa a este home foi ocasionado por un escape de queima na que non se adoptaron as medidas de seguridade establecidas pola lei.

Pola súa banda, axentes da Policía Autonómica na Xefatura da Coruña procederon tamén á imputación dun veciño de Culleredo, que tras facer unha queima non autorizada e neglixente, ocasionou un incendio no que arderon 2.000 metros cadrados de eucaliptos.

Na actual campaña anti-incendios forestais do ano 2014, 37 persoas foron detidas ou imputadas pola Policía Autonómica como presuntas autoras de incendios forestais.

Comentarios