Unha avaría deixa sen luz a case 90.000 persoas

Unha avaría na rede de transporte de alta tensión, xestionada por Rede Eléctrica, deixou este mediodía sen subministración a unhas 90.000 persoas no centro da Coruña.

Durante toda a xornada A Coruña estivo en alerta por un temporal de vento que deixou refachos de entre 40 e 50 quilómetros por hora que provocaron ás 14:07 horas o desprendemento do tellado dunha nave no polígono de Pocomaco que danou unha liña de transporte, o que deixou sen subministración ás subestacións de Gas Natural-Fenosa na Grela e Porto.

Consecuentemente, a falta de electricidade afectou os barrios de Monte Alto, Cidade Vella, Ensanche, Sagrada Familia, Os Mallos e Paseo das Pontes, así como a boa parte da rede de semáforos da cidade.

Os bombeiros tiveron que rescatar a 6 persoas que quedaran atrapadas en ascensores e sufocar dous pequenos incendios por sobrecalentamiento de equipos electrógenos.

Un total de 90.000 persoas víronse afectadas por esta incidencia, precisou o portavoz do goberno local da Coruña, Xullo Flores.

A rede eléctrica foi restablecida 40 minutos máis tarde, aínda que nestes momentos os técnicos continúan revisando a liña para comprobar o seu estado. "Foi un incidente serio pero se actuou con dilixencia", afirmou Flores.

Comentarios