Un 32% dos galegos admite consumir algunha vez sexo de pago

Aproximadamente un 32% dos galegos admite consumir algunha vez sexo de pago, unha cifra que experimentou un aumento de cinco puntos porcentuais en tan só cinco anos. Así o asegurou esta mañá en Santiago a socióloga e investigadora da Universidade de Vigo Silvia Pérez, quen elaborou un estudo no que analiza a clientela galega deste tipo de servizos.

Pérez explica que "non hai un perfil claro" do tipo de cliente destes servizos, aínda que recorda que máis do 99% son homes, a pesar de que tamén hai homes e transexuais que exercen a prostitución. "Fundamentalmente é un fenómeno de xénero", subliña. Fronte aos tópicos, a socióloga aclara que os homes que pagan para ter relacións sexuais son "de todas as condicións sociais". "É certo que hai un pouquiño máis de consumo nos niveis medios e baixos, pero non moito máis", puntualiza esta experta.

A pesar de non poder establecer un perfil dos consumidores de sexo de pago, Pérez aclara que se logrou determinar catro "tipoloxías discursivas" que estes homes adoitan utilizar para "xustificarse". En primeiro lugar estaría o perfil misógino e en segundo lugar o que esta investigadora denomina "samaritano" e que "ten unha percepción egoísta da prostitución, porque a utiliza para liquidar as súas necesidades afectivas".

En terceiro lugar, sitúase a percepción "mercantilista", que se corresponde cos máis novos e caracterízase pola ausencia de reflexión "ética" sobre este fenómeno. Para rematar, está o perfil "crítico", o minoritario, e que se corresponde con homes que si son capaces de identificar as "dinámicas de desigualdade", pero que recorren de todos os xeitos á prostitución porque "ven incapaces de conseguir sexo de non ser pagando". "Colócanse nunha situación de inferioridade", comenta Párez; "para eles é algo avergonzante".

AS MAFIAS CON PRESENZA EN GALICIA SON SURAMERICANAS
Carlos Bandín é garda civil e un experto en delitos de trata e tráfico de persoas. Explica que a maioría das redes que operan na comunidade galega son de orixe suramericana e que, no canto de usar a violencia como medio de coacción prefiren as ameazas.

Así mesmo, este axente informa de que a maioría das mulleres que son explotadas por estas redes sabían para que viñan a Galicia, aínda que matiza que iso non as converte en menos vítimas". "As vexacións que reciben son algo indescritible", subliña. Ademais, resalta que a trata é un problema que "traspasa fronteiras", polo que "non se pode atallar de forma local".

AS CIFRAS NON REFLICTEN A REALIDADE
Brandín explica que as cifras "non reflicten a realidade" desta práctica, xa que é moi difícil que as vítimas recoñezan expresamente a súa situación. "O fenómeno é moito maior que a resposta policial", insiste.

Aínda que non se dispón de datos oficiais, calcúlase que na comunidade poderían estar a ser prostituídas unhas 8.000 mulleres. Como cifras estimativas, entre 2005 e 2008 a Fiscalía Superior de Galicia identificou a 234 vítimas de trata; e o pasado ano 3.645 prostitutas foron atendidas por diferentes ONGs.

A maioría das vítimas de redes de explotación sexual teñen entre 18 e 30 anos e chegan desde países como Brasil, Colombia, Romanía, Nixeria ou República Dominicana. Normalmente, proceden de contornas de pobreza e son o principal sustento das súas familias. Afán ser captadas por amigos ou familiares coa promesa de traballos 'normais' e o seu traslado faise con documentación falsa.

Comentarios