O Sergas deberá indemnizar á filla dunha anciá falecida no Álvaro Cunqueiro

Diagnosticóuselle unha perforación intestinal "demasiado tarde"
Hospital Álvaro Cunqueiro. ARCHIVO
photo_camera Hospital Álvaro Cunqueiro. ARQUIVO

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza que condena ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a indemnizar con 31.727 euros á filla dunha muller de 86 anos falecida no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo á que se diagnosticou unha perforación intestinal "demasiado tarde".

O alto tribunal galego, xa que logo, desestima do recurso de apelación interposto polo Sergas contra a sentenza do xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Vigo, aínda que contra a resolución aínda cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.

A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo, segundo informa o TSXG, considera acreditado que non se puxeron a disposición da paciente", diagnosticada de Alzheimer e en situación de dependencia, todos os medios da sanidade pública para detectar "con antelación suficiente a perforación intestinal que finalmente determinou o seu falecemento", en setembro de 2018.

Tanto o expediente administrativo, como a historia clínica e os medios de proba practicados, sobre todo a pericial da facultativa que declarou a instancia da demandante, revelaron "que a asistencia recibida pola paciente non se adecuou ás esixencias derivadas dos alarmantes signos externos e datos clínicos que manifestaba".

Estes signos "facían precisa a práctica de un TAC abdominal, que puidese detectar a perforación intestinal que se evidenciou dous días despois, cando xa era demasiado tarde para o tratamento cirúrxico", indica a sala do Contencioso-Administrativo.

Así, sinala que a segunda vez que acudiu a falecida ao centro, o 21 de setembro de 2018, os médicos do servizo de urxencias "non a derivaron ao servizo dixestivo, algo que podería aclarar o sentido dalgún dos síntomas, nin decidiron a práctica dun TAC abdominal, que dous días despois evidenciou a decisiva perforación intestinal".

Por iso, estima que "non resulta convincente a escusa achegada no informe do servizo de cirurxía xeral e dixestivo do Álvaro Cunqueiro, claramente dirixido a desculpar a actuación dos facultativos do servizo de urxencias".

Un informe no que se di que a solicitude de probas complementarias queda a criterio dos médicos de urxencias e debe estar dirixida a descartar unha sospeita de patoloxía abdominal cirúrxica urxente nos casos de alta sospeita, non sendo a práctica habitual en urxencias o realizar un TAC abdominal".

O alto tribunal explica que "non resulta convincente porque existían síntomas que permitían sospeitar unha grave patoloxía abdominal, polo que a paciente non presentaba unha simple dor abdominal, de modo que non se xustifica a falta de realización do TAC, así como tampouco a ausencia dunha petición de valoración por un especialista en cirurxía xeral, antes de dala de alta".