O triatleta Javier Gómez Noya, embaixador do Camiño Inglés

O deportista protagoniza un vídeo que invita a coñecer a ruta, "unha experiencia inesquecible"
Gómez Noya, en el vídeo. EP
photo_camera Gómez Noya, no vídeo. EP

O deportista galego Javier Gómez Noya, único quíntuplo campión do mundo da historia do tríatlon, foi nomeado embaixador honorario do Camiño Inglés, a ruta xacobea que historicamente serviu como ponte de unión entre os pobos do norte de Europa e a capital de Galicia.

"Como embaixador, neste Xacobeo 2021 que empeza nuns días animo a todo o mundo a coñecer a súa historia, cultura e as súas xentes", sinalou o dobre medallista olímpico na presentación do vídeo promocional A chamada do Camiño Inglés, que protagoniza.

"A gravación brindoume a oportunidade de facer parte do Camiño Inglés, puiden gozar dalgúns dos sitios máis emblemáticos do mesmo e darme conta de que son moitos os seus atractivos. Foi unha experiencia inesquecible", afirmou Gómez Noya, quen se comprometeu a realizar todo o traxecto cando llo permita o deporte profesional.

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés, presidida por Manuel Mirás, agrupa 16 dos 18 concellos coruñeses polos que pasa a ruta inglesa e impulsa a iniciativa. "Os alcaldes do Camiño Inglés creamos esta asociación para a súa conservación e promoción porque somos parte indispensable do Camiño de Santiago con maiúsculas, patrimonio da humanidade", subliñou Mirás, rexedor de Oroso.

Neste sentido, destacou o apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, e enxalzou o traballo das distintas administracións para que o Xacobeo 2021 teña no Camiño Inglés "un referente inigualable".

Gómez Noya (dereita) e autoridades, este mércores na presentación do vídeo. EFE"É unha ruta que ao longo dos séculos viviu e superou circunstancias tan difíciles coma esta que nos tocou vivir con esta pandemia, pero tamén viu como a humanidade foi capaz de superalas", apuntou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, para quen esta iniciativa ten como obxectivo que se visualice "un camiño que estaba oculto, infravalorado", incluso, ao seu xuízo, nas localidades pola que pasa.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, pola súa banda, incidiu en que a pesar da súa longa tradición ás portas do ano 2021 "seguimos descubrindo o enorme potencial dos camiños", e non dubidou en cualificar o Camiño Inglés como "un diamante en bruto" que hai que seguir desenvolvendo.

"Estamos a traballar para que veña moita xente a pesar desta pandemia; o Camiño interésalle a todo o mundo", manifestou Rueda, quen lamentou que a covid-19 evite que se vaia a celebrar o Xacobeo tal e como estaba pensado, pois ía ser espectacular". Con todo, asegurou que "algúns dos que antes non pensaban en facer o Camiño agora si o fan, así que temos que ser optimistas".

Comentarios