Tres estudantes que boicotearon un acto de Feijóo en 2014 aceptan 15 meses de cárcere

Os mozos, que foron acusados de atentado á autoridade, lesións e desordes públicas, terán ademais que asumir unha multa conxunta duns 1.000 euros

Os tres estudantes acusados de boicotear un acto na Facultade de Matemáticas en outubro en 2014 no que participaba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aceptaron cada un 15 meses de cárcere e multas que suman uns mil euros tras chegar a un acordo entre as partes.

Os feitos ocorreron o 24 de outubro de 2014 cando tres estudantes xunto a outros protagonizaron unha concentración en rexeitamento á Lomce e aos recortes en educación en Santiago no que, ademais do presidente da Xunta, participaba o entón conselleiro de Educación, Jesús Vázquez.

Os tres alumnos foron acusados de atentado á autoridade, lesións e desordes públicas tras un altercado que se produciu no transcurso do boicot ao acto. Concretamente, para un dos estudantes a condena supón 15 meses de cárcere e unha multa de 690 euros en concepto de lesións e 30 euros máis por danos na vestimenta a un policía. Os outros dous deberán abonar unha multa de 300 euros. Ningún dos tres irá a prisión co compromiso de que en dous anos non poden cometer ningún tipo de delito.

Antes e durante a celebración da vista este martes no xulgado celebrouse unha concentración de apoio na que participaron varias decenas de compañeiros dos procesados e que foi apoiada polo portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, e o secretario de organización do BNG, Bieito Lobeira, ademais doutros membros das dúas organizacións. 

Comentarios