Tres detidos pola presunta autoría de incendios en Narón e Oza dos Ríos

Tres persoas foron detidas por sospeitas da autoría de incendios forestais en zonas dos municipios coruñeses de Narón e Oza dos Ríos, informou hoxe a Xunta.

Un dos sospeitosos é unha persoa residente en Narón á que se lle atribúe unha queima de restrollos, o pasado 1 de xullo, sen adoptar as medidas de prevención necesarias para evitar a propagación do lume.

As chamas, avivadas polo forte vento, propagáronse de forma descontrolada e equipos de extinción de incendios da Xunta tiveron que intervir para apagalas, polo que o seu caso foi tramitado ante o Xulgado de instrución de garda de Ferrol.

Así mesmo, outras dúas persoas foron detidas como sospeitosas da autoría doutro incendio forestal en Bandoxa-San Martiño, no municipio de Oza dos Ríos, que o pasado 1 de xuño queimou 31.400 metros cadrados de zona arboredo.

Equipos da Xunta tiveron que acudir á zona para extinguir as chamas, polo que o asunto foi presentado ante o Xulgado de instrución de garda de Betanzos.

Segundo a Policía autonómica, un total de 58 persoas foron detidas desde principios deste ano pola suposta autoría de incendios forestais.

Comentarios