Trasladan a un paciente en padiola pola estrada 200 metros no Rosal

A falta de ambulancias obrigou aos sanitarios a desprazarse a pé, o que motivou as protestas das plataformas en defensas da sanidade pública
El traslado. TWITTER
photo_camera El traslado. TWITTER

Plataformas en defensa da sanidade pública do Rosal, A Guarda e Oia denuncian que este venres un paciente tivo que ser trasladado en padiola durante máis de 200 metros desde o Centro de Saúde do Rosal ata o helicóptero medicalizado ante a falta dunha ambulancia medicalizada na localidade pontevedresa. 

Segundo relatou a plataforma da Guarda nunha nota de prensa, o venres a única médica que atendía neste centro de saúde desprazouse cun paciente en ambulancia ao hospital de referencia en Vigo. Nese período de tempo presentouse outra urxencia que tivo que ser atendida por " médica xubilada, non contratada para estas funcións". 

Así, continúan, ante a falta de ambulancias, o 061 enviou un helicóptero medicalizado, pero o paciente tivo que ser trasladado en padiola 230 metros ata a aeronave polo persoal do centro e do 061 e ademais, ao mesmo tempo, produciuse na Guarda outra urxencia sanitaria na que tamén se requiría unha ambulancia

Ante esta situación, as plataformas sanitarias denuncian que se pon de manifesto unha vez máis carencias como un número insuficiente de ambulancias asistenciais, carencia dunha ambulancia medicalizada e falta de persoal sanitario". 

Neste sentido, engaden que "é sabido" que en determinadas urxencias o tempo pode ser crucial para salvar a vida ou minimizar secuelas. 

Por iso, demandan á Xunta de Galicia peticións concretas: dotar aos centros de saúde destas localidades do persoal sanitario que lles corresponde, fixar de xeito permanente o segundo equipo de urxencias da PAC da Guarda e dotalo dun profesional de enfermería e dotar ao Baixo Miño dunha ambulancia medicalizada e aumentar as ambulancias asistenciais. 

Comentarios