Ingresada unha das 10 mulleres en folga de fame de Ve-la Luz

Unha das dez mulleres que participaba na folga de fame convocada na Coruña pola asociación galega para a defensa das vítimas de violencia de xénero Ve-la Luz foi trasladada ao hospital tras 120 horas sen comer para someterse a diversas probas médicas.

A asociación iniciou o pasado luns unha folga de fame para reclamar un sistema de protección real para este colectivo e denunciar a súa indefensión, e durante este fin de semana sumouse á convocatoria a responsable comarcal de Acción Feminista do BNG, Vitoria Louro.

Nun comunicado, Ve-la Luz informou do traslado dunha das participantes na folga de fame, que se negaron á activación dun protocolo para estas situacións, tras a asistencia de efectivos de Urxencias Sanitarias que aconsellaron a súa derivación a un hospital.

A asociación asegura na nota que estas mulleres foron "ninguneadas por parte dos responsables das institucións públicas que deberían velar pola seguridade de todas as mulleres e destas dez en particular".

Así mesmo, denuncia o "o abandono institucional ante unha situación de urxencia algo habitual nas políticas ofrecidas nesta materia (violencia de xénero)".

En todo caso, a asociación reitera que manterá a folga de fame "ata que deixen de matarnos por cometer o único delito de ser mulleres".

Comentarios