jueves. 09.04.2020 |
El tiempo
jueves. 09.04.2020
El tiempo

Bonificacións na AP-9, competencias e Alcoa, no acordo BNG-PSOE

Adriana Lastra e Ana Pontón mostran o acordo subscrito este venres. EFE
Adriana Lastra e Ana Pontón mostran o acordo subscrito este venres. EFE
O pacto polo que os nacionalistas apoiarán a investidura de Sánchez asegura que Galicia teña o mesmo status que Cataluña e Euskadi e transferencias pendentes â?? O acordo tamén prevé a creación de xulgados de violencia de xénero en Lugo, Santiago e Ourense
 

O único deputado do BNG no Congreso votará si  á investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno a cambio da transferencia a Galicia da autoestrada AP-9 este mesmo ano e de bonificacións nas peaxes para os usuarios recorrentes. Así as cousas, o Bloque asegura que apoiará o socialista tras conseguir o compromiso do PSOE para desbloquear as súas peticións sobre a "axenda galega", segundo manifestou o deputado nacionalista, Néstor Rego.

Entre os puntos do acordo subscrito a última hora da tarde deste venres entre a socialista Adriana Lastra e a nacionalista Ana Pontónpodes consultar o texto aquí— figura proceder "durante a presente lexislatura" á transferencia das competencias "pendentes" e garantir que Galicia manterá "o mesmo status" que Cataluña e o País Vasco se se produce "calquera modificación da estrutura territorial do Estado". Son en total 13 puntos, nos que tamén se toca o futuro de Alcoa, Ence e das Pontes.

AUTOESTRADA DO ATLÁNTICO. No que toca á AP-9, os nacionalistas galegos conseguen unha das súas reivindicacións máis insistentes nos últimos tempos: rebaixas nas peaxes desta infraestrutura básica na articulación de Galicia. Así, o compromiso é que se garanta "como mínimo" a bonificación do 100% da peaxe para os usuarios que empregan a autoestrada dúas ou máis veces ao día, "tanto particulares como profesionais, durante todos os días da semana". 

"O custo desta bonificación corre a cargo dos Orzamentos Xerais do Estado e aplicaríase a partir da aprobación dos PGE de 2020", reza o texto, no cal tamén se alude á gratuidade do tramo Vigo-Redondela e ao compromiso de eliminar "durante a lexislatura" o impacto do incremento extraordinario de tarifas acumulativo durante 20 anos. 

MÁIS INFRAESTRUTURAS. Outros acordos en materia de infraestruturas aluden á execución do coñecido como 'nó de bombeiros' en Pontevedra, a modernización da rede ferroviaria galega ou completar a conexión dos portos exteriores de Ferrol e A Coruña por tren este mesmo ano. 

TRASLADO DE ENCE. Os nacionalistas galegos tamén arrincaron ao PSOE que o Goberno central se manifestaráse "a favor do traslado da planta de Ence a outro enclave máis adecuado ambiental en Galicia, a través dunha fórmula que permita manter o emprego".

ALCOA. Ademais, entre os acordos hai referencias ao futuro de Alcoa, e o Bloque reivindica a defensa do emprego e a actividade no sector electrointensivo. Nesa materia, prevé a posta en marcha "de forma inmediata" da mesa de traballo sobre Alcoa-San Cibrao, "con presenza da empresa, os sindicatos e as administracións.

AS PONTES. O documento prevé a participación nos procesos de descarbonización e de transición enerxética a un modelo sostible, "impulsando unha transición enerxética xusta" que implique compensacións territoriais, incentivos e o reforzamento do tecido industrial "compatible co novo modelo".

Nesa liña, o pacto contempla a convocatoria "coa máxima urxencia" das reunións de traballo sobre accións e convenios de transición xusta (As Pontes e Cerceda).

TRANSFERENCIAS E OUTRAS MEDIDAS. Entre os compromisos do acordo asinado está a convocatoria no primeiro trimestre deste ano da Comisión Mixta de Transferencias Estado-Xunta de Galicia para programar a transferencia da totalidade das competencias pendentes no Estatuto de Autonomía.

O saneamento das rías, medidas de apoio á lingua galega, a modernización da rede ferroviaria e a creación de xulgados de violencia de xénero en Lugo, Santiago e Ourense tamén figuran entre os compromisos. 

CONTAS DE INVESTIDURA. Sánchez terá previsiblemente o vindeiro martes, cando se celebre a segunda votación —na primeira, prevista para o domingo, sería necesaria unha maioría absoluta que non ten—, máis votos a favor que en contra e será elixido por maioría simple. Ademais da posición do BNG, este venres tamén se coñeceu a decisión de Coalición Canaria de absterse, co que o candidato socialista conta con 167 apoios atados e 164 en contra. 

O Bloque censura a decisión da JEC sobre Torra
O deputado do BNG, Néstor Rego, sinalou este venres que a decisión da Junta Electoral Central (JEC) de inhabilitar a Quim Torra como presidente da Generalitat de Cataluña é "un auténtico golpe de estado político" e un "despropósito" xurídico. 

En declaracións aos medios tras rubricar o acordo co PSOE, o nacionalista sinalou que a JEC "non é un tribunal" e solidarizouse tanto con Torra como co presidente de ERC, Oriol Junqueras, ao que ese órgano decidiu non outorgar a credencial como eurodiputado. 

Bonificacións na AP-9, competencias e Alcoa, no acordo BNG-PSOE
Comentarios