Touriño acusa ao PP de querer ''sabotear'' a AVE galego

ave_dentro.jpg
photo_camera ave_dentro.jpg

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, acusou ao Partido Popular de intentar "sabotear" a construción da AVE galego cunha emenda nos Orzamentos do Estado (PGE), na que -segundo explicou- os populares pretenden reducir á metade a partida de 254 millóns de euros destinada ao tramo de alta velocidade ferroviaria entre Ourense-Lubián.

Durante unha visita a Monterroso (Lugo), Pérez Touriño cualificou de auténtica "sabotaxe" esta emenda presentada polo Partido Popular. "De xeito abraiante, o PP e o señor Feijoo danlle as costas a Galicia", lamentou Pérez Touriño, quen tamén denunciou o "afán de desgastar ao Goberno"

Touriño subliñou que existe un compromiso nos orzamentos estatais para 2009 para licitar nove tramos pendentes, de modo que a AVE chegue a Galicia en 2012.

En campaña electoral

Por iso, o presidente da Xunta fixo fincapé en que "non é razoable nin normal que ou resto de España reciba a mensaxe" de que Galicia renuncia a un investimento destas características, xa que o tramo Ourense-Lubián supón a entrada da alta velocidade ferroviaria a Galicia desde a meseta.

O titular do Goberno galego denunciou o "afán partidario" de Núñez Feijoo porque "desde hai algún tempo este PP e o señor Feijóo están de campaña electoral".

Investimento en Lugo
Finalmente, o presidente da Xunta aproveitou a súa visita a Monterroso para recordar os investimentos previstos na provincia de Lugo para o próximo ano, tanto polo Excutivo central como polo autonómico. En conxunto, elevou a 395 millóns de euros o investimento da que se beneficiará Lugo, o que supón 1.137 euros per cápita.

Comentarios