viernes. 18.06.2021 |
El tiempo
viernes. 18.06.2021
El tiempo

Galicia, desde o domingo: sen peche perimetral e con toque de queda só en cinco concellos

Feijóo anuncia las nuevas medidas. XOÁN REY
Feijóo anuncia as novas medidas. XOÁN REY
O horario dos bares amplíase ata as 23 horas e o dos restaurantes ata a unha e a intención é que xa entre en vigor o sábado ► Cambados, Vilanova, Cualedro, Laza e Padrón seguirán pechados e con limitacións de mobilidade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explicou este xoves as novas medidas que rexerán en Galicia unha vez que na madrugada do sábado ao domingo conclúa o estado de alarma.

  • Galicia, no seu conxunto, deixa de estar peche perimetral. Poderase entrar ou saír da comunidade sen restricións. Manterase un rexistro de viaxeiros nos que deben anotarse as persoas chegadas desde unha zona de incidencia alta. Se viaxan con certificado de vacinación só terán que certificar que recibiron a dose. Se non o teñen, faráselles unha proba. 
     
  • Os peches perimetrais manteranse nos municipios que superen os 500 casos activos a 14 días e os 250 casos a 7 días. Nestes momentos son Cambados, Vilanova de Arousa, Cualedro, Laza e Padrón.
     
  • Elimínase o toque de queda desde a medianoite do sábado ao domingo. O sábado xa non haberá toque de queda, ao carecer de sentido mantelo ás 23.00 para que decaia só unha hora despois. Pero haberá excepcións: o toque de queda seguirá ás 23.00 horas nos municipios en situación de risco extremo (máis de 250 casos a 7 días ou 500 a 14), para o que se necesitará autorización xudicial do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
     
  • Amplíanse os horarios da hostalería: os bares e cafeterías poderán abrir ata as 23 horas e os restaurantes ata a unha. A Xunta intentará que o sábado xa se poidan aplicar os novos horarios na hostalería.
     
  • Limitación de reunións de non convivientes entre as 1.00 e as 6.00 horas. A Xunta tamén necesitará autorización xudicial para levalo a cabo. O obxectivo é non trasladar a domicilios as festas tras o peche de bares e restaurantes. En xeral, mantense a prohibición de reunirse con non convivientes nos municipios en nivel máximo e as limitacións no resto de Galicia: catro en interiores e seis en exteriores.

Así queda a situación por concellos

Nivel máximo (toque de queda ás 23.00 horas, peche perimetral e hostalería pechada, salvo para recollida ou envíos a domicilio): Cambados, Vilanova de Arousa, Cualedro, Laza e Padrón. É o 1,3% da poboación.

Nivel alto (non hai toque de queda, liberdade de movementos e hostalería só aberta en terrazas ao 50%): A Merca, Pastoriza, Marín, A Laracha, Gondomar, Salceda de Caselas, Mesía, Ribeira e Coristanco. é o 3,7% da poboación.

Nivel medio-alto (non hai toque de queda, liberdade de movementos e hostalería aberta en terrazas ao 50% e en interiores ao 30%): Carballeda de Valdeorras, Verea, Muíños, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, Toén, Chantada, Meira, Cercedo-Cotobade, Vilagarcía de Arousa, Soutomaior, Fornelo de Montes, Cangas, O Porriño, Tomiño, Tui, Vigo, Nigrán, Lalín, Silleda, Ames, Noia, Melide, Ordes, Carballo, Betanzos e Cambre. É o 24% da poboación.

Nivel medio-baixo (non hai toque de queda, liberdade de movementos e hostalería aberta en nbsp;terrazas&ao 75% e en interiores ao 50%): O resto de Galicia, que supón o 70,8% da poboación.

"INCERTEZAS". Feijóo, na rolda de prensa tras a reunión extraordinaria do comité clínico, con motivo do fin do estado de alarma o 9 de maio, na que alertou das "moitas incertezas" que xera esta "xudicialización da pandemia" por parte do Goberno central. 

O presidente da Xunta cargou contra a decisión do Executivo de Pedro Sánchez de terminar o estado de alarma ao mostrar a súa "discrepancia" porque se faga sen unha lexislación específica fronte á pandemia e mostrou a súa "inquietude" respecto diso, que asegura que é compartida "pola inmensa maioría de presidentes autonómicos". 

"O Goberno é como ese defensa que simplemente desbarata as xogadas pero non ganduxa ningunha"

"Como tantas veces desde que comezou a pandemia, o Goberno central desatende o que opina a inmensa maioría e, como un defensa nun partido de fútbol simplemente desbarata as xogadas pero sen ganduxar ningunha concreta", recriminou, á vez que advertiu que é como "volver á casa de saída, sen máis". 

Ante esta situación, a postura da Xunta, asesorada polo comité clínico, é continuar coa desescalada "gradual" iniciada o pasado mes de febreiro, aínda que moitas das medidas terán que ser sometidas á autorización do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). 

PONTÓN. Por outra banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou este venres que se manteña o peche perimetral de Galicia con aqueles territorios que presenten unha incidencia de contagios superior á da comunidade galega. 

A líder do BNG critica, nun audio remitido á prensa, a "incoherencia" de que se pechen perimetralmente cinco concellos galegos con índice superior a 500 pero poidan entrar a Galicia cidadáns de concellos doutras comunidades autónomas con ese nivel de contagios ou superior. "Sería unha incoherencia que non se poida viaxar de Padrón a Santiago, pero poidan vir cidadáns de Madrid ou de Euskadi", reprochou Pontón. 

Galicia, desde o domingo: sen peche perimetral e con toque de queda...
comentarios