Os termómetros alcanzan os 30 graos en Galicia este sábado

Para o domingo, Meteogalicia prevé unha leve baixada de temperaturas máximas, que se situarán ao redor dos 25 graos
 

Playa de Silgar, en Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Praia de Silgar, en Sanxenxo, este sábado. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Galicia superou este sábado 20 de abril os 30 graos, que se alcanzaron en Ponteareas (Pontevedra), con valores próximos a esta temperatura tanto nesta provincia como en localidades de Ourense. 

Nunha xornada de influencia anticiclónica e circulación do nordeste, os datos de Meteogalicia reflicten que A Granxa, en Ponteareas, chegou aos 30,2 graos ás 17.30 horas. En valores máximos seguiulle Tui, con 29,6 graos á mesma hora; Arnoia (Ourense) con 29,5 ás 17.50 horas; Pontevedra coa mesma temperatura ás 16.10 e Leiro con 29,4 ás 16.10. 

Aínda que as temperaturas máximas foron algo inferiores nas dúas provincias do norte, en Lugo e A Coruña, aínda así superaron na maior parte do territorio os 20 graos de máxima. 

En cambio, as mínimas foron bastante baixas, situándose nos 3,4 graos no Valadouro, 3,7 en Baltar (Ourense) e 3,8 en Calvos de Randín (Ourense). 

Para o domingo, Meteogalicia prevé unha leve baixada de temperaturas máximas, que se situarán ao redor dos 25 graos. 
 

Comentarios