O temporal deixa choivas copiosas, ventos de ata 130 km/ h e numerosas incidencias

Bolsas de auga nas vías de circulación e restos de obxectos caídos nas estradas, os incidentes máis comúns

As choivas que activaron este mércores o aviso laranxa en parte da provincia da Coruña provocaron múltiples incidencias e deixaron máis de 150 litros por metro cadrado no municipio coruñés de Lousame, nunha xornada na que o vento alcanzou os 130,6 quilómetros por hora en Viveiro (Lugo). 

Así consta nos rexistros publicados por Meteogalicia ata as 20,25 horas, recollidos por Europa Press, segundo os que as precipitacións acumularon importantes cantidades en concellos coruñesas. 

En concreto, as choivas deixaron 154,3 litros por metro cadrado en Lousame, 110 en Santa Comba, 104 en Zas, 103 en Vimianzo e 102 en Rois, todas localidades coruñesas situadas a unha altitude menor de 900 metros. 

En canto ao vento, alcanzou refachos máximos de 130,6 quilómetros por hora en Viveiro; 114,7 en Cedeira (A Coruña); 106,4 en Burela; 106 en Oia (Pontevedra). 

INCIDENCIAS. O 112-Galicia xestionou durante este mércores un total de 81 incidencias relacionadas co temporal de choiva e vento que afecta á comunidade, principalmente por inundacións, bolsas de auga e obxectos nas estradas. 

Segundo informou o Centro de Atención Integral a Emerxencias ata as 18,00 horas rexistráronse 81 incidencias, aínda que non hai constancia de danos persoais. 

En canto á tipoloxía de sucesos, os máis frecuentes foron as inundacións e as bolsas de auga nas estradas, así como os obxectos caídos pola acción do aire nas vías de circulación. 

Por provincias, a máis afectada foi a da Coruña, onde se rexistraron 63 incidencias, seguida de Pontevedra, onde tiveron lugar 18. 

Máis en concreto, os municipios máis afectados pola caída de choiva e polo vento foron os de Muros, con nove incidencias; Cee, con seis; e Dumbría, que suma cinco; todos eles na Coruña. Na provincia de Pontevedra están Vigo, que rexistrou tres incidencias, e Vilagarcía e Tui, con dúas cada un.

Comentarios