Non hai tempo para o último baile: a supervivencia das orquestras, en perigo

Enfróntanse ao seu segundo ano sen saír a escena, a pesar de que se traballa nun novo formato covid
El Combo Dominicano en una de sus últimas actuaciones. ÁLVARO AGULLA
photo_camera O Combo Dominicano nunha das súas últimas actuacións. ÁLVARO AGULLA

Non é tempo para bailar. As orquestras de Galicia penden dun fío. Achegándose cada vez máis a outro ano sen poder saír a escena, o sector asume a súa vulnerabilidade e móstrase pesimista no que se respecta á supervivencia dos grupos artísticos, que ven incapaces de cumprir cos gastos e achéganse ao perigo da desaparición dunha gran parte delas. "Vai haber un cambio radical. A metade, ou máis da metade están a desaparecer" sentenza Juan Vázquez, xerente da orquestra Triunfo de Pontevedra. No entanto, como chamada de socorro e coa intención de manterse vivos no que é o entretemento máis tradicional e identificativo da comunidade, os representantes puxeron sobre a mesa un novo protocolo de actuación Covid, co que buscan reinventarse para manter o seu funcionamento.

A nova normalidade pode chegar ás orquestras, para iso é necesario o apoio e a aposta firme por parte dos concellos. Esa é a máxima á que apelan os directores dos grupos artísticos para seguir adiante. O sector planea rexurdir das súas cinzas tras un ano a cero, mediante unha posta en escena modificada que se uniría a un cumprimento de aforamento e manter ao público sentado, unha nova iniciativa que aparece como medida alternativa adaptada á nova normalidade. Aínda así, a maioría dos representantes e asociacións destas orquestras ven complicado que se poida levar a cabo.

Juan Vázquez, director da orquestra Triunfo: "Ou moito me equivoco, ou o sector vai desaparecer, porque non hai xeito de aguantar sen ingresos"

"Non sabemos se se van a poder facer verbenas, eu penso que non, porque se bota o tempo encima, aínda que nos dean para o mes de xullo, para nós é tarde. Nós a estas alturas tiñamos que ter unha lista de contratación, e non temos nada" afirma José Antonio Blas, cantante e líder da banda París de Noia, que sofre de primeira man a incerteza de saber se o seu equipo poderá saír a escena ou pola contra, volver pasar un verán negro. E deste xeito, e con total radicalidade senténciao Juan Vázquez, "este ano vai ser igual que o anterior. É practicamente imposible". Por iso, aínda non comezaron os ensaios.

E é que o tempo pasa e a carga pesa. Conscientes todos eles da imposibilidade de manter o baile sen ingresos, tomaron a decisión de unificarse e apelar ás institucións públicas, facendo gala de que este sector está repleto de profesionais que viven por e para a cultura e o espectáculo de Galicia. Polo momento, as subvencións resístense a chegar e boa parte dos seus integrantes están a ter que buscarse a vida noutros sectores para os que non estaban preparados.

Víctor Antón, xerente Gaias Eventos: "Estamos dispostos a facer un espectáculo audiovisual, capacidade sóbranos porque somos profesionais" 

"No caso da verbena galega houbo subvencións pero poucas orquestras as cobreron. Ademais, para aguantar as infraestruturas teño que pedir un crédito e o primeiro que che piden é a capacidade económica, pero se non temos capacidade económica logo dun ano sen traballar non nos dan nada e é imposible manterse", recorda Cirano Núñez, o director dunha das orquestras máis emblemáticas deste país, O Combo Dominicano. "Somos números", engade.

Blas Piñón, líder de París de Noia: "Se non temos un mínimo de produción van desaparecer a maioría das orquestras e moitas xa o están facendo". "É inasumible outro ano máis. Un pódese aguantar pero máis non. Estamos a tirar de aforros"

ESQUECIDOS. E é que a Covid-19 arrasou como un furacán coas verbenas, levándose por diante por centos de artistas que, tal e como recoñecen todos eles, foron "os primeiros en parar e os últimos en empezar". Por esta mesma razón, comezaron a levantar a man para facerse visibles e recuperar iso que lles fai ter un prato de comida encima da mesa. "Somos un sector sufrido que non fixemos demasiado ruído porque eramos conscientes da situación, sempre dixemos que a saúde é o primeiro, pero se non se fai ruído non se consegue nada" recalca o propio Cirano, ao que o seu compañeiro de profesión, Víctor Antón, xerente de Gaias Eventos e Delegado da Asociación Nacional Axuste engade que son os eternos "esquecidos" nesta pandemia. "Ningún sector estivo parado dous anos con ingresos cero. E as administracións séguennos cobrando impostos e demais". 

Cirano Núñez, director do Combo Dominicano: "Houbo axuda política pero cando se intentaron cobrar as subvencións, non as hai. Había letra pequena". "Somos o sector máis esquecido. Cando todo volva, en 2022, non haberá nin a metade de orquestras funcionando"

UNHA SOLUCIÓN. As asociacións puxéronse ao choio para salvar o sector. Entre elas a dirixida por Manuel Fariña, AGO (Asociación Galega de Orquestra) que xunto a ASEVEGA (Asociación de Empresarios da Verbena Galega) trazaron unha folla de ruta a seguir para negociar coa Xunta un regreso aos escenarios seguro a pesar de que a esperanza está cada vez máis perdida, debido á pouca resposta que están a ter. "Xa hai tempo que buscamos esperanza onde non a hai, somos conscientes de que era moi complicado e vai ser imposible" asegura Manuel Fariña, quen, como opción válida ve a de incluír as verbenas en Xacobeo 2021 como recital indispensable na visita a Galicia. "Queremos tratar de que nos inclúan no Xacobeo dalgunha forma. Como articulalo vai ser complicado pero temos que facelo para que as orquestras poidan facer algo e o ano que vén poidan saír cunha serie de actuacións comprometidas por parte da Xunta". 

Pero todo iso queda nas pavías polo momento cando, ao mirar a axenda, vese que non hai contratacións para este ano, ou moi poucas. É o caso do Combo Dominicano, que ve como os poucos compromisos que teñen para este 2021 vanse anulando a medida que pasan os días. Esfúmase a esperanza. "Necesitamos contratacións" apunta, ao que o seu compañeiro de gremio Juan Vázquez recalca que, aínda que saíse algunha "non é viable para unha empresa iso de ter dúas ou tres datas. Ninguén pode subsistir con iso". 

Galicia está preto de perder parte da súa razón de ser e o sector da orquestra asómase xa ao precipicio porque "é inasumible, non se pode aguantar" outro ano sen música, sen espectáculo, sen escenario e sen esa parte de lecer que fai, por un momento, esquecer a situación que atravesa o país.

Manuel Fariña, presidente AGO: "Unímonos nunha fronte común porque vemos que necesitamos unha solución inmediata"

Os concellos néganse a contratar o novo formato de orquestra

A Comisión de Festas de Cantodarea é unha das que máis aposta polas orquestras cada ano. De feito, entre finais de abril e principios de maio adoitan abrir dar o pistoletazo de saída a un verán anticipado coas súas festas patronais. Este ano, é o segundo que non poden celebralo ao grande. "Tiñamos pensado facer un pasacalles de gaiteiros, pero non nos deixan, así que faremos unha procesión e pouco máis" sinala Morgan, alma mater da Comisión destes eventos.

Pero, ante a posibilidade de empezar a dar visibilidade a este novo formato de orquestra, o propio organizador móstrase remiso "Non nos atreveriamos a contratar ese novo formato de orquestra. Eu non son partidario de sentarme nunha cadeira para vela, porque ao final acabas levantándote", sinala. Este pensamento é o que comparten numerosos concellos, alegando que se perdería o concepto orquestra como tal.

Recelosos a reconverter a situación e axustala á nova normalidade, Morgan asegura que "o ano pasado xa se tratou de facer en Sanxenxo e non gustou".

Desde a parte que lle toca ao propio Morgan como dirixente da Comisión de Cantodarea, asegura que a xente é remisa a este tipo de eventos"estando como está a situación. Temos que pedir diñeiro polas casas para facer as contratacións, e botaríansenos encima. A xente está sen traballo". Desta forma, a orquestra en Cantodarea terá que esperar.

Morgan, da Comisión de Festas de Cantodarea: "Non chegamos a plantexarnos contratar as orquestras noutro formato, pero non son partidario diso" 

Comentarios