Miguel Tellado mostra o "malestar" do PP polo "macarrismo" de Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra advertiu a Elena Muñoz: "Que teña cuidadiño co que di"
Miguel Tellado
photo_camera Miguel Tellado

O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, mostrou este venres o "malestar" da súa formación polas formas de "macarrismo populista" e o "ton barriobajero" empregado pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, nas súas "ameazas" á portavoz do PP en Vigo, Elena Muñoz.


Segundo dixo Tellado en conferencia de prensa, estas declaracións súmanse a unha serie de feitos protagonizados pola "esquerda galega" que non contribúen a "dignificar" a vida política en Galicia.

"As desafortunadas palabras de Carmela Silva, que non só inxuriou a todo o PP, senón que apelou a (Elena) Muñoz: Que teña cuidadiño co que di", citou Tellado, é unha "forma de expresarse que non deixa de sorprender" ao PP.

"Sabemos que o macarrismo populista está de moda e que moitos socialistas se senten atraídos polas ideas e modos das Mareas de Podemos e agora a atraída é Silva", asegurou Tellado, que criticou que "(Abel) Caballero e os seus non teñen sentido do respecto polas institucións que gobernan e menos polas que non gobernan".

"Pero gustaríanos que houbese alguén na esquerda deste país que non se entregase ao ton 'barriobajero' como o visto estes días por Silva", continuou o dirixente do PP galego, que considerou que o "ton ameazante" da presidenta da Deputación de Pontevedra "revela un nerviosismo difícil de explicar".

Segundo Tellado, esa actitude "non dignifica" a actividade política porque "ameaza a quen pensa distinto e a quen lle pide explicacións polo seu comportamento político". 

Comentarios