Técnicos forestais de Medio Rural iniciarán este sábado unha folga indefinida

Seguirán coordinando os medios dos dispositivos de extinción, pero as tarefas de xestión veranse afectadas
Detalle de varios árboles calcinados, este lunes, tras estabilizarse el incendio forestal declarado en Monterrei. EFE
photo_camera EFE

O persoal técnico forestal dependente da Consellería do Medio Rural segue adiante coa súa previsión e iniciará este sábado unha folga indefinida para reclamar "unha nova organización forestal acorde ao século XXI" ante "a falta de vontade de diálogo e negociación" por parte da Xunta de Galicia.

"Levamos 25 meses con esta reivindicación e anunciamos esta folga indefinida o 9 de xullo, pero a Consellería tan só citounos esta tarde para fixar os servizos mínimos, nada"máis , apuntou o técnico forestal Xabier Bruña (CIG) en representación de CCOO, UXT, CIG e CSIF, as organizacións convocantes deste paro e que se concentraron este xoves fronte á Consellería do Medio Rural.

O persoal de persoal técnico forestal representa a "ao redor de 120 persoas", tanto enxeñeiros técnicos forestais como enxeñeiros de montes, e, ademais de coordinar os medios de extinción de incendios –cuxos servizos mínimos serán do 100 % ao estar en tempada de alto risco–, tamén se encarga da xestión forestal.

"Como profesionais que somos imos ser responsables e atender a necesidade de coordinar os medios do dispositivo de extinción de incendios: a folga afectará as tarefas de xestión", proseguiu Bruña.

O portavoz incidiu na necesidade dun "cambio de modelo de xestión dos dispositivos dos incendios", tendo en conta que o actual "empezou nos anos 90 e está previsto para apagar unha media de 10.000 lumes, pero entón non existían incendios como o de agora de Cualedro, que afecta a 1.000 hectáreas".

"En realidade, a media agora está por baixo de 3.000 incendios ao ano, pero con situacións de maior urxencia e risco para persoas e bens, polo que debemos afrontar doutra forma a extinción", detallou Bruña.

Outras reivindicacións das organizacións sindicais pasan por un acordo para afrontar os "abusos horarios", con técnicos facendo "gardas de 24 horas" que, ao final de ano, representan "un total de 500 horas máis que a media dos empregados públicos", e a dispoñibilidade absoluta, "de 24 horas ao día e sete días á semana", dos xefes de distrito.

"Necesitamos aumentar a seguridade, mellorar os centros de traballo e unha formación adecuada á nova realidade de urxencias e territorio que temos", engadiu o sindicalista, quen tamén esixe un aumento do cadro de persoal, a regulación da segunda actividade e un coeficiente reductor adecuado para os maiores de 60 anos.

Para concluír, Bruño apuntou que, fronte ao "Galicia, Galicia, Galicia" do presidente da Xunta, eles exclaman "monte, monte, monte" e, fronte ao lume, claman por silvicultura "e cultura".

Comentarios