Suspendido o xuízo a Carlos Callón tras solicitar a recusación da xuíza

O xuízo ao presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), Carlos Callón, acusado de inxurias ao xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, foi suspendido esta mañá ao solicitar a defensa a recusación da xuíza ao ditar esta anteriormente o sobresemento da causa. A xuíza deberá agora decidir se acepta a recusación ou se abstén.

De calquera forma, Callón deberá volver sentar no banco tras ser denunciado por inxurias polo xuíz decano da Coruña, a quen acusou de incumprir a Lei de Normalización Lingüística por unhas declaracións nas que aseguraba non ter 'ningún rubor en usar a ilegalidade do topónimo A Coruña'. "Aínda que nos intenten criminalizar, a MNL non vai calar na defensa do galego", asegurou Callón en declaracións aos xornalistas.

Ás portas do xulgado máis dun centenar de persoas, encabezadas polo líder do BNG, Guillerme Vázquez, arrouparon a Callón exhibindo unha pancarta "En galego, é de Xustiza". Representantes da cultura galega -que onte presentaron un manifesto de apoio a todas as persoas xulgadas polo seu defensa do cumprimento da lei de Normalización Lingüística- como Xurxo Souto participaron tamén na concentración.

"Non nos van a calar pola vía da represión na defensa do galego", asegurou o líder do BNG, quen cualificou de insostible e "intolerable" o xuízo.

Comentarios